luns 26/07/21

As plantas de Alu Ibérica seguen paradas a unha semana de esgotar as garantías

Os compromisos de Alcoa en materia labroral e de investimentos, moitos por cumprir, vencen o vindeiro 31 de xullo.
Os traballadores de Alu Ibérica exixen as Administracións unha saída industrial para as plantas, que levan semanas sen case actividade (Foto: Comité de empresa de Alu Ibérica).
Os traballadores de Alu Ibérica exixen as Administracións unha saída industrial para as plantas, que levan semanas sen case actividade (Foto: Comité de empresa de Alu Ibérica).

O próximo 31 de xullo vencen o compromiso de investimento e as garantías laborais adquiridas por Alcoa no momento da venda das plantas da Coruña e Avilés ao fondo suízo Parter. Mentres, ambas as plantas están practicamente paradas. "Se a produción estaba en mínimos históricos antes da intervención xudicial, a partir de aí a fábrica entrou nunha dinámica de entrar en funcionamento un día ou dous, pero se para enseguida porque non hai entrada de materia prima". 

Así o explica a Nós Diario o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, quen apunta que os actuais xestores, Grupo Riesgo, "ante as dúbidas" sobre o futuro da planta, prefiren non gastar en materiais. 

A situación da factoría da Coruña, ao igual que a de Avilés padece un "deterioro grandisimo na xestión", sinala o responsábel sindical, que agarda que "dunha vez por todas, despois do auto da Audiencia Nacional, se proceda a nomear un administrador xudicial, máis aló da intervención que hai agora". "Para nós tiña que estar nomeado hai xa unhas semanas", apunta.

Falta de mantemento

Pero a falta de actividade non é o único que preocupa nas fábricas de Alu Ibérica. Tamén se están a atrasar os mantementos. "Parter non tocou nada, e desde que entrou Riesgo xa non é que non se manteñan as instalacións, é que tampouco se manteñen os certificados necesarios para producir, nin os consumíbeis para garantir a seguridade dos traballadores, como o líquidos para frear a lexionela, carencias que xa están constatadas por Inspección de Traballo", sinala Corbacho.

O peor, como destaca, é que "os parámetros para a produción de aluminio son excelentes neste momento" e as fábricas seguen paradas. Con todo, dubida que os xestores actuais "teñan a capacidade de poñela en marcha aínda que quixeran".

As cubas de electrólise seguen paradas. Alcoa comprometera investimentos para a súa activación e renovación, xa que sofren moito nas paradas e arranques, que, como denuncia o presidente do comité, son partidas que non están gastadas. "Alcoa comprometera 20 millóns de dólares en investimentos para cada planta. Ademais de estafarnos a todas as partes neste proceso e constatarse todo isto na sentenza da Audiencia Nacional, agora está a facer caixa con eses investimentos que non se executan", lamenta. 

Eses investimentos estaban incluídos no compromiso que vence o vindeiro 31 de xullo, cando se cumpren dous anos da operación de venda a Parter. "Achégase esa data límite con todo incumprido. Non só non se executou ningún investimento, senón que tampouco se respectaron as condicións laborais e salariais que se negociaron. Son múltiples as demandas dos traballadores ante a Inspección de Traballo. Fálase de blindaxes e a realidade é que non hai ningún.

Desde que entrou Riesgo incumpriuse todo de forma drástica", critica o representante sindical, que afirma que, aínda que lles queda "unha blindaxe menos", aínda están respaldados polo convenio colectivo, o estatuto dos traballadores e a lei de prevención de riscos laborais.

comentarios