Pablo Valeiras, membro do comité de folga

“A actitude da Xunta na greve da xustiza é de prepotencia e mentira”

As traballadoras e traballadores da xustiza levan en folga desde o 7 de febreiro. Fano cunhas porcentaxes de seguimento que, segundo os sindicatos, chegan ao 90% en toda Galiza. Esta segunda feira, día 19, o comité de folga manterá unha reunión cos responsábeis da Xunta de Galiza. Falamos, ao respeito, con Pablo Valeiras (CUT).

[Imaxe: Cedida] Pablo Valeiras
photo_camera [Imaxe: Cedida] Pablo Valeiras

Por que chegades a esta situación?

Porque levamos xa anos sendo discriminados especialmente por catro motivos. En primeiro lugar, o tema sanitario, temos descontos en doenzas tan normais como gripe, varicela, sarampelo ou hepatite B, entre outros, mentres que os maxistrados, fiscais, letrados xudiciais… en boa parte das autonomías non teñen descontos. Está tamén a discriminación económica. Na Galiza ocorreu o que non ocorreu noutros territorios do Estado, confiscáronsenos durante catro anos entre 3.500 e 10.000 euros. A maiores, desde 2008, cando foi o último acordo que asinamos, no complemento que se paga por parte da Xunta perdemos unha media de 100 euros mensuais a respeito doutras comunidades autónomas.

Por outra banda, a Xunta amortizou 106 prazas de xulgados de paz, contenciosos, de familia e audiencias provinciais, algo que tampouco acontece en ningunha outra parte do Estado. Ademais, a Xunta pediulle permiso ao Ministerio de Xustiza para amortizar esas prazas e o Ministerio só lle deu permiso para facelo en dez prazas de xulgados de paz, un sinal de que esas prazas son necesarias. O que fai a Xunta é bloquealas en lugar de sacalas nos concursos de traslados. Así, cada vez que marcha unha persoa no concurso de traslados, hai unha xubilación ou un falecemento, esas prazas fican baleiras. Hai audiencias provinciais con tantos maxistrados como funcionarios.

Hai unha cuarta reivindicación: que a Xunta de Galiza non paga o 100% nun auxilio a respeito do que cobra un titular. Págaslle unha parte moi pequena do soldo.

E tamén pedimos acabar coa temporalidade na xustiza galega, pois hai prazas, chamadas reforzos, que pasados tres anos, segundo o que dita a UE, deberían converter en postos para funcionariado. Por certo, durante o período de folga, a Xunta, que tanto fala de servizos mínimos, quitou reforzos e despediu persoal no xulgado de familia de Ourense, por poñer un exemplo.

Como está a ser o seguimento da folga?

Brutal. Somos sete sindicatos e a unidade é total, ao igual que a das traballadoras e traballadores. A media de seguimento está, no conxunto de Galiza, no 90%. Hai xulgados, como o de Ferrol, que comezou co 68% e que xa está no 80%. En vez de baixar, en moitos sitios subimos e falamos de porcentaxes que son difíciles de manter. É un éxito sen precedentes.

Cal foi a actitude da Xunta até o de agora?

De prepotencia, de mentira e de utilización dos medios públicos para verter falacias. O presidente da Xunta acaba de dicir que pedimos unha suba de mil euros nos salarios, cando hai traballadores que non cobran mil euros. O Goberno galego quere facer ver que se trata dunha suba de soldos, cando a nosa reivindicación é, basicamente, acabar coa discriminación de manter a xustiza galega nunha segunda categoría a respeito do resto territorios do Estado, con todas as medidas que citei anteriormente.

Que esperades da reunión desta segunda feira?

Alfonso Rueda non dá a cara nunca e está agochado non sabemos moi ben onde, participando en actos públicos cando estamos en negociacións. A esas reunións manda o director xeral de Xustiza, que apenas fala nas reunións, e o director de Función Pública que para nós non é un interlocutor válido. Nós non dependemos de Función Pública, pois non somos funcionarios da administración da Xunta. Nós somos funcionarios dun corpo estatal e por iso falamos de discriminación a respeito dos traballadores do resto do Estado. Dependemos da Lei Orgánica do Poder Xudicial.

Comentarios