As vítimas de Angrois cualifican de "despropósito" o aprazamento do xuízo polo sinistro do Alvia

Vítimas do accidente do Alvia en Angrois ante as portas do xulgado de Compostela en xullo de 2020 (Imaxe: Europa Press).

A Plataforama de Vítimas do sinistro do Alvia 04155 en Angrois, no que faleceron 80 persoas emáis de 140 resultaron feridas en 2013,vén de facer público un comunicado no que cualifica de "despropósito da administración galega de xustiza" o aprazamento do xuízo por este accidente até despois de verán.

No seu escrito, a plataforma lembra que o presidente do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, marcara como data para a realización do xuízo o comezo de 2022, e que o propio fiscal superior da Galiza, Fernando Suanzes, manifestou que tería lugar antes de verán

Castroverde recoñeceu que nun primeiro momento apostara por realizar o xuízo no primeiro trimestre do ano, pero "dada a complexidade e o número de testemuñas citadas", non é posíbel cumprir eses prazos.

A plataforma tamén manifestou que o pasado novembro trasladáronlle ao responsábel do TSXG unha carta na que instábano a pór "todos os medios técnicos e humanos para garantir" a realización do xuízo a comezos de 2022, algo que o maxistrado cualificou de "realista", pero que agora "non vai ser así

"Retrasos e erros"

As vítimas recoñecen a complexidade da que fala Castroverde, mais matizan que "durante a instrución acumuláronse retrasos e erros por parte do xulgado".

No comunicado, enumeran outras problemáticas que afectaron ao correcto desenvolvemento da causa. Falan dun "problema estrutural" nos tempos da xustiza, "a inacción total do primeiro fiscal que tivo que ser substituído", e a "ocultación e demora da entrega de documentos por parte de Renfe e Adif", que se prolongou durante catro anos desde o momento do sinistro.

Asemade, tamén sinalan a Xunta por "impor peritos sen experiencia ferroviaria que demoraban e plaxiaban informes". Poñen de exemplo que o xulgado enviou a unha dirección equivocada varias preguntas a Axencia Ferroviaria Europea, o que provocou que as respostas tardasen nove meses en chegar.

A Plataforma de Vítimas de Angrois faise eco dunha cita do xuíz instrutor, na que afirmaba que "a xustiza lenta non é xustiza", para pedirlle ao TSXG que "arranxe o problema estrutural que ten e deixar de facer declaracións baleiras que o único que xeran é máis dor e incerteza entre as vítimas e familiares".