Aprazado até despois de verán o xuízo polo sinistro do Alvia

Protesta das vítimas do accidente de Angrois. (Foto: Arxina)
A complexidade do caso, unida á gran cantidade de probas, testemuñas e peritaxes, provocan o adiamento do xuízo polo accidente do Alvia en Angrois, segundo o presidente do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde . Aínda que está claro que o xuízo decorrerá nunha localización de grande capacidade, esta non está decidida polo momento.

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, avanzou que a realización do xuízo polo accidente do tren Alvia en Angrois, no que faleceron 80 persoas e máis de 140 resultaron feridas en 2013, adíase "até despois do verán".

Castroverde recoñeceu que el mesmo apostara por realizar o xuízo no primeiro trimestre do ano, pero "dada a complexidade e o número de testemuñas citadas", non é posíbel cumprir eses prazos.

"Estamos a falar dun xuízo que terá máis de 600 testemuñas e peritos, o que supón un labor inxente administrativo só para citalos", explicou. 

Unha vez coñecidos os escritos de acusación e as probas anticipadas solicitadas aclarou que é o escenario máis "realista" para "que o xuízo se desenvolva nas condicións adecuadas".

Aínda sen localización

En canto ao lugar no que decorrerá, aínda que durante estes últimos meses falouse de que podería ser a Cidade da Cultura ou o Pazo de Congresos de Compostela, o presidente do TSXG non confirmou a localización.

Si destacou que terá que ser un lugar onde teñan cabida acusación e defensa, medios de comunicación e todo o público que desexe asistir, "o que leva a instalacións deste orde, como o Pazo de Congresos ou a Cidade da Cultura".

"Non hai ningunha decisión tomada. En función das persoas que deban comparecer será a Xunta da Galiza a que busque o lugar adecuado", dixo o presidente do TSXG.