Vigo sitúase como a cidade galega coa auga máis cara, cun gasto medio de 305 euros ao ano por fogar, após subir o seu prezo 14,9% desde 2020, rexistrando á súa vez o maior incremento de entre as grandes urbes do país.
Así se desprende dun estudo comparativo da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) sobre o custo da factura da auga en 54 cidades estatais, que foi presentado esta quinta feira, 29 de xuño.
No que se refire á Galiza, todas as urbes analizadas sitúanse cun prezo por baixo da media estatal (306 euros ao ano), aínda que con "significativas diferenzas" entre localidades.
Así, en Ourense os cidadáns pagan de media 180 euros ao ano polo servizo de auga, mentres que en Lugo esta cifra ascende a 216 euros e en Pontevedra, a 261 euros. Na Coruña, o custo medio é de 264 euros, mentres que Vigo rolda a media estatal, con 305 euros.
A nivel do Estado, Barcelona sitúase como a cidade coa auga máis cara, con 520 euros de media, seguida de Murcia (495 euros) e de Alacante, con 490 euros. No extremo oposto están Ourense (180 euros), Palencia (166 euros) e Guadalaxara (164 euros).
Disparidade entre tarifas
As diferenzas de prezo, presentes no país e a nivel estatal, afectan tanto aos custos de saneamento como de subministración da auga, pero tamén se explican pola complexidade do sistema de bloques de tarifas, con entre dous e oito bloques distintos dependendo do consumo do fogar.
E seguindo pola súa disparidade, por exemplo, o primeiro bloque, o máis económico, pode cubrir entre 24 e 240 metros cúbicos de auga ao ano segundo a localidade. Se ademais o custo fixo da auga no municipio é moi alto, consumir máis inflúe menos na factura e por tanto desincentívase o aforro de auga.
Por todo iso, a OCU exixe ao Goberno español e ás comunidades que impulsen unha harmonización das tarifas municipais da auga, de maneira que sexan “transparentes, comparábeis e sinxelas” (con tres ou catro bloques de consumo como máximo) que garantan un prezo “accesíbel” para un consumo básico, á vez que penalicen un consumo excesivo de auga. Pero tamén exixe que se promova unha tarifa reducida e única para os fogares vulnerábeis, independentemente da localidade na que residan.