Vía V acumulaba un total de 1.128 emisións e conseguira facerse un oco no espazo de comunicación galego polos seus debates e entrevistas. O seu desaparecimento deita dúbidas mesmo sobre a continuidade da canle televisiva, a única privada de ámbito galego que continúa a funcionar após o fechamento de Popular TV.
O programa lideraba o segmento de tertulias televisivas galegas, ao superar con clareza a súa competidora, a TVG.
V Televisión comezou a emitir en maio de 2010 baixo a dirección de Lois Blanco, actualmente director xeral do grupo liderado por Santiago Rey.
A empresa arrastra perdas desde o primeiro exercicio e a súa viabilidade é moi incerta. Algunhas fontes consultadas por Sermos indican que os números vermellos da canle televisiva sediada en Sabón superan o medio millón de euros ao ano. Outras fontes alegan que Vía V cae por motivos editoriais, isto é, porque a súa liña -máis aberta do que o xornal- non acababa de estar ben vista por parte do editor do grupo.
V Televisión obtivo a súa licenza en xullo de 2005 de mans dun goberno Fraga en funcións, que optara pola oferta apresentada por Popular TV para completar o abano das televisións privadas de ámbito galego.
Fernanda Tabarés, condutora de Vía V e directora de V Televisión, utilizou a expresión “día triste hoxe” para anunciar no seu Facebook o fin do programa. “Fecha a xanela do VíaV. Grazas por 1.128 noites de xornalismo e emoción. O noso compromiso segue intacto”, engadiu.