"Desde SquareetLabs traballamos moito con empresas con fins sociais", sinala o desenvolvedor de covida.app, que apunta en concreto a unha empresa de Euskadi procedente da Universidade de Mondragón, Kuvu, especializada en experiencias interxeneracionais e que xa tiña distintos estudos sobre a situación das persoas maiores que amosaban a alta taxa de xente sen ningún tipo de axuda directa.
"A fin de semana que comezou o estado de alarma puxémonos en contacto para ver de que forma podiamos atender a esta xente que quedaba a expensas de familiares ou amigos que lles puidesen atender necesidades. Démoslle unha volta e decidimos crear xuntos esta especie de rede social de proximidade", relata Cantorna.
A finais de marzo tiñan unha primeira versión, que probaron en colaboración cunha entidade de voluntariado de Gran Canaria. Desde a semana pasada, a aplicación xeralizouse e hoxe contecta máis de 3.500 persoas, das que máis de 2.000 son maiores que reciben apoio e o resto, persoas voluntarias. Como destaca o programador, desde o seu lanzamento levan xa nove versións, que van incluíndo melloras que detectan as persoas que a empregan.
O mecanismo da APP é sinxelo: a persoa que precisa unha axuda concreta preme un dos botóns cos que a aplicación identifica as necesidades concretas. Esta lanza a petición entre a rede de persoas voluntarias inscritas nun radio de 25 quilómetros (configurábeis). A primeira que atende a petición ponse en contacto coa usuaria para tratar a súa demanda específica, e a aplicación fai un seguimento do proceso, incluída a valoración final.
Para dar seguridade ao proceso, a plataforma conta cun software de recoñecemento de documentos. "Desta forma, a persoa voluntaria comeza por escanear a súa documentación (DI, pasaporte ou carné de conducir), que a aplicación comproba e almacena codificada. Desde ese momento a persoa empeza a recibir as notificacións", explica Cantorna. Ademais, cada certo tempo o sistema xeolocaliza, para facer seguimento da asistencia.
Como expón o integrante en SquareetLabs, aínda que a adscrición de voluntariado é individual, existen asociacións que xa están colaborando coa APP, para asistir a persoas que non contan cos dispositivos que permiten solicitar a axuda. De feito, a Fundación Alares e o Teléfono da Esperanza teñen paneis na administración para poder dar de alta esta xente. "Moitos rexistros van a través desas asociacións", observa o desenvolvedor, que indica que as entidades que xa traballan con este colectivo fan o papel de mediación coas persoas que non teñen teléfono móbil, recollendo as súas demandas e trasladándoas á plataforma.