A manifestación coincidiu coas Festas da Peregrina e coa feira taurina que decorre na cidade neses días, a única que sobrevive en territorio galego. “Non ao maltrato animal”, “Galiza di non ás touradas” ou “Touradas fóra da Galiza” foron outras palabras de orde que se lían en cartaces e pancartas dos asistentes.
Foi a actriz e comunicadora Baia Fernández a encargada de ler o manifesto da protesta, que torce pola abolición definitiva das corridas de touros. Fernández asegurou que a feira taurina de Pontevedra é un evento “decadente” e solicitou, en nome dos manifestantes, “a eliminación inmediata das axudas públicas, os privilexios e os convenios para publicitar” as touradas.
Ademais, esixiu ao Parlamento de Galiza un pronunciamento “rotundo” contra as corridas e a modificación da Lei de Benestar Animal. Nesta norma as touradas son, na actualidade, excepción en casos de maltrato animal.
Nota: imaxe da protesta en Pontevedra. Foto: @iscagz