A Plataforma SOS Sanidade Pública de Pontevedra anunciou onte a convocatoria dunha concentración (con máscaras e cumprindo a distancia de seguridade) para a quinta feira 25 de xuño, ás 20.30 horas, diante do Hospital Provincial para exixir que se recupere a actividade sanitaria ordinaria. “A crise non está superada” e fai falta “recuperar a actividade sanitaria ordinaria abandonada durante estes meses”, afirmaron nunha rolda de prensa os portavoces dos diferentes colectivos integrados na plataforma.
Ademais, SOS Sanidade Pública advertiu da necesidade de que o sistema sanitario se prepare perante a posibilidade dun rebrote da COVID-19. Tamén rexeitou o feche previsto de camas no hospital Montecelo durante o verán e pediu un “trato digno, protección e condicións laborais dignas” para o persoal sanitario.
SOS Sanidade Pública reclamará na mobilización que as residencias de maiores sexan “de xestión pública, con asistencia sanitaria pública e sen discriminacións”.