A situación de “abandono” nas residencias de maiores chega á Fiscalía

Residencia de maiores en San Lázaro, Compostela, xestionada por DomusVi (Foto Arxina).
A Federación REDE vén de presentar perante a Fiscalía a denuncia da "situación neglixente e de abandono que se vive neste momento tan delicado nas residencias galegas, particularmente as do grupo DomuVi". Nas últimas horas incrementáronse en 29,5% os contaxios neste tipo de centros.

Tal e como publicou Nós Diario, a crise do coronavirus evidenciou a situación precaria que se vive, a nivel xeral, nas residencias de maiores ao longo do territorio galego. Porén, esta circunstancia vén de lonxe. A Federación REDE, da que forman parte asociacións de usuarios e familiares de residencias e dependencia, vén de presentar perante a Fiscalía a denuncia da “situación neglixente e de abandono que se vive neste momento tan delicado nas residencias galegas, particularmente as do grupo DomuVi e que dá lugar a que no só aparezan brotes da pandemia senón tamén que se estendan sen control”.

Na denuncia, á que tivo acceso Nós Diario, a Federación REDE advírtese de que non se extremaron precaucións nas residencias DomusVi de Ribadumia, Bembrive (Vigo), Aldán (Cangas) e do Barreiro (Vigo) tendo en conta que se trata dos “lugares máis sensíbeis de todos os posíbeis escenarios”, en tanto que albergan o principal grupo de risco da COVID-19.

“Non se realizaron desinfeccións, nin limpezas axeitadas, nin se aplicaron medidas adicionais recomendadas por Sanidade, escusándose sempre na escaseza de persoal, persoal que estaba na súa man reforzar”, advirte a federación no seu escrito, onde acusa DomusVi de decidir “aforrar cartos”. Isto, engade, “levou a poñer en risco os residentes ao non reforzar o seu cadro de persoal nin contratar servizos externos”.

No escrito, a Federación REDE afirma que DomusVi se desentende e abandona as obrigas de protección das persoas residentes e asegúrase que non se reforzou o persoal de atención directa, “a pesar de ser indispensábel para aplicar correctamente os protocolos que desde a Administración sanitaria se ían recomendando e publicando como de obrigado cumprimento”.

DomusVi, alerta REDE, “é líder en casos positivos na Galiza”. Afirma que a nivel estatal “estase a producir un auténtico xenocidio disfrazado de neglixencia”. “Entendemos que puidese pasar por neglixencia ao principio, mais cando esta é reiterada no tempo e cunhas consecuencias tan graves como coñecidas, notorias e advertidas, debería considerarse unha conduta dolosa”, recolle o documento.

A federación carga contra a “pasividade” de DomusVi e empraza a xustiza a comprobar se se cumpren as condicións estabelecidas en diversas ordes de prevención, como a Orde SND/265/2020, de 19 de marzo e  a Orde SND/275/2020, de 23 de marzo específicas para as residencias, así como outras precedentes e non específicas pero si de aplicación neste caso.

Esta denuncia súmase á presentada pola CIG perante a Inspección de Traballo debido ás condicións que presentan os centros sociais xestionado pola Xunta de Galiza.

Os contaxios aumentaron 29,5%

Os contaxios en residencias de maiores aumentaron un 29,53% durante o día de onte, no que se rexistraron, segundo o boletín oficial da Consellaría de Política Social, un total de 193 afectados: 148 usuarios e 45 empregados. Así, o número de maiores diagnosticados creceu un 32,14% (+36) e o de traballadores un 21,62% (+8).

A residencia de San Carlos de Celanova foi a que máis casos diagnosticou ao longo da tarde de onte, un total de 33 que se suman aos 12 que xa había confirmados. Estes 45 casos corresponden a persoas maiores que viven no centro galego máis afectado de toda Galiza en relación á súa capacidade (o 75% das prazas existentes están ocupadas por pacientes infectados).

Segundo a Xunta, faleceron con coronavirus nas residencias de maiores un total de 10 persoas desde que se decretou o estado de alarma.