Familias de residentes en Celanova reclaman información á Xunta após cancelarse o seu traslado

Un operario durante a desinfección da residencia San Carlos en Celanova a pasada segunda feira (Imaxe: Europa Press).
Esta mañá, segundo informa a sobriña dunha residente, suspendeuse o traslado das maiores que quedan na residencia ao centro de Baños de Molgas habilitado pola Xunta da Galiza despois dun brote da COVID-19. Asegura que a Administración non se puxo en contacto nin co persoal, "ao límite", nin coas familias.

Esta quinta feira, o Goberno galego emitiu un comunicado no que garante os controis sanitarios nas residencias de Baños de Molgas e Porta do Camiño en Compostela, habilitadas ambas para recibir a residentes maiores contaxiadas pola COVID-19. Na terza feira chegaron ao centro Os Milagros, titularidade da Fundación San Rosendo, as primeiras once doentes procedentes da residencia San Carlos de Celanova. Os seus contaxios foran detectados entre a pasada sexta feira e o sábado. Outro residente foi trasladado onte.

A mesma empresa de ambulancias que desprazara as enfermas a Baños de Molgas anunciou o traslado do resto de maiores esta quinta feira. “Ás 8 da mañá o persoal tivo noticia de que se suspendía, mais oficialmente non se nos explicou ningunha destas decisións”, apunta a sobriña dunha residente que permanece en Celanova.

A maiores na segunda feira, cando a Unidade Militar de Emerxencias (UME) mobilizouse en Celanova para proceder á desinfección do centro residencial, realizáronse probas de contaxio por coronavirus ás pacientes que non foran desprazadas a Baños de Molgas. “A día de hoxe aínda non sabemos os resultados”, afirma esta familiar, quen organizou un grupo de 17 persoas voluntarias que axudan nas tarefas de limpeza “sempre sen entrar en contacto coas residentes”. En conversa con este medio traslada a petición de que comparta esta información coas familias antes de decidir o traslado das maiores.

As familiares das residentes de San Carlos, segundo explica esta familiar a Nós Diario, non recibiron aínda información por parte da Administración pública das medidas que se están tomando ou da situación do centro. “A directora atópase no seu fogar, despois de dar positivo, e non pode facer máis. A pesar de que se contrataron traballadoras na última semana, entre as que contraeron a enfermidade e as que cursaron a súa baixa fican dez das 23 iniciais”, denuncia, engadindo que tampouco elas foron contactadas pola Administración.

Esta familiar asegura que o persoal, “ao que agradecemos todo o seu esforzo”, atópase “ao límite” e describe unha situación “de incerteza e impotencia”. Actualmente, 13 empregadas do centro atópanse en corentena, entre elas a directora, tras dar positivo nos test. Desde hai semanas a enfermeira titular recibiu a baixa laboral, polo que a residencia non conta con persoal sanitario, segundo indican as familiares.

Críticas do BNG de Celanova

O portavoz do BNG en Celanova, Leopoldo Rodríguez, fixo público hoxe un comunicado no que apela a área sanitaria de Ourense a asumir o mando da situación da residencia de maiores da vila. "As traballadoras están ampliando a xornada porque non teñen outro xeito de atender minimamente ás anciás. A Xunta non enviou persoal de reforzo. E xa están avisando, elas soas non poden", denuncia.

Respecto á suspensión do traslado das residentes que fican no centro, Rodríguez cuestionou a orixe desta decisión. "Que está pasando? Por que a Xunta non se comunica coas responsábeis do centro e informa do que van facer e do que non?", preguntou. Por último, o portavoz da formación nacionalista reclamou ás autoridades sanitarias que se poñan en contacto coas familais para informalas da situación das súas maiores.

Cuestionado o 24 de marzo en rolda de prensa pola situación da residencia, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, alegou que se tardou en actuar pola "confusión" xenerada a partir dunha directriz do Goberno estatal, en relación á posibilidade dunha intervención da UME. Unha vez aclarada a Xunta, segundo infromou, "comezou a tutelar" o centro. "Falei co alcalde de Celanova, quen me expresou a súa colaboración, espero que entre hoxe e mañá todos estan na nova residencia integrada", asegurou. En tanto, as familias sinalan que após a suspensión do traslado das arredor de 40 residentes que fican na vila, non teñen constancia de cando se producirá.