Residencias pretenden confinar o persoal coas persoas usuarias

Maiores son trasladados ao Hotel Congreso, Teo. (Arxina)
Residencias de maiores públicas, semipúblicas e privadas prevén confinar dúas semanas no seu interior o persoal coas persoas residentes. 

Advertiuno onte CIG-Ourense e confirmouno, no que respecta aos centros integrados de Baños de Molgas e Porta do Camiño, o Goberno galego, ao sinalar que o persoal contratado para atender as persoas residentes "terá o contacto mínimo co exterior" para "reducir o risco de contaxios".

Estas dúas residencias foron habilitadas para atender pacientes maiores que viven en centros para a terceira idade e que teñan diagnóstico positivo de coronavirus, como mecanismo para tratar de conter o espallamento da enfermidade nas residencias de maiores, onde xa se contabilizan 117 casos, 25 deles de persoal traballador. 

A Xunta indica que ambos os dous centros seguirán "controis estritos de desinfección frecuentemente". Segundo matiza, o persoal das instalacións habilitadas en Baños de Molgas "hospedarase nun estabelecemento contiguo á residencia".  

A CIG estende esta práctica aos centros da Fundación Valdegodos, con residencias na Rúa, Vilamartín, Viana e Ramirás, e denuncia que "se está presionando o persoal para que  leve ao centro as súas pertenzas e se confine durante dúas semanas" e mesmo se realizou xa un pedido de colchóns, se ben  aínda barallan –indica– a posibilidade  dalgún estabelecemento hoteleiro próximo.

No caso de Baños de Molgas, o sindicato alerta de que se  están convocando traballadoras tanto do sector privado como do público do Consorcio Galego, e estudantes do último curso de enfermaría. "Están citadas por Whatsapp e telefonicamente para comezar o confinamento hoxe mesmo, aloxadas nas instalacións hoteleiras anexas, agora en desuso", alerta.

"Estáselles privando do uso de máscaras, roupa de illamento, gafas, calzas e calquera medida de seguridade e prevención, e encérranos con maiores, en moitos casos xa contaxiados pola COVID-19. Militarizan os traballadores mentres os militares pasean polas rúas de Ourense", denuncia a CIG, que reclama "seguridade para o persoal e o colectivo de residentes" xunto con "máis medios reais e efectivos". "Menos aplausos e máis compromiso", reclama o seu  secretario comarcal de Ourense, Anxo Pérez.