Control privado e precariedade na atención ás persoas maiores

Persoas maiores foron trasladadas en Compostela para habilitar na súa residencia un centro integrado de atención sanitaria.
A crise do coronavirus destapou a traxedia das residencias de maiores. Un drama que se mostra agora con toda a crueza pero que é anterior a esta pandemia. Estamos ante un sector dominado pola empresa privada, falto de recursos e precarizado. Os servizos sociais dirixidos á terceira idade viraron hai tempo nun negocio moi lucrativo, para pequenos empresarios e para os grandes grupos de investimento estranxeiro, propietarios de boa parte das firmas que controlan a atención á dependencia e aos coidados xeriátricos. Na Galiza e no resto do Estado.

A atención integral ás persoas maiores é un dereito esencial en mans de intereses privados. Un servizo imprescindíbel para a vida e para a sociedade sometido ao antollo dun sector en expansión sinalado como un dos lugares máis vulnerábeis durante esta emerxencia sanitaria.

En todo o Estado, as cifras apuntan que máis dun terzo das persoas falecidas a causa do coronavirus vivía nunha residencia da terceira idade. Na Galiza, os rexistros oficiais confirman 149 casos postivos en centros espallados polo país, 112 usuarias e 37 traballadoras. 

A atención integral ás persoas maiores é un dereito esencial en mans de intereses privados.

Até o momento, a Consellaría de Política Social informou da morte de nove residentes diagnosticadas de COVID-19; unha no centro San Carlos de Celanova; outra no fogar Bellolar da Coruña e dúas na residencia Portazgo, na mesma cidade; dúas máis na residencia DomusVi San Lázaro de Compostela, outra na DomusVi Barreiro de Vigo e outra no centro da mesma empresa en Carballo. Todas de titularidade privada.

As residencias, en cifras

Segundo o último informe de Envellecemento en rede sobre distribución de centros e prazas residenciais nos distintos territorios do Estado elaborado por investigadores do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Galiza dispoñía en abril de 2019 de 21.179 prazas para maiores repartidas en 321 residencias e vivendas comunitarias. Destas, 16.341 estarían en centros privados, 247, e 4.838 en residencias públicas, 74.

Segundo este estudo, 77,2% das prazas residenciais dispoñíbeis son de xestión privada e 22,8% de titularidade pública. A proporción de prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos sitúase en 3,1; por debaixo da media estatal, de 4,2, e da recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS), que estabelece cinco.

"Segundo un estudo do CSIC, 77,2% das prazas residenciais dispoñíbeis na Galiza son de xestión privada ".

Na mesma liña, os datos sobre Servizos sociais para persoas maiores en España difundidos polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), a 31 de decembro de 2018, recollen que na Galiza había 362 centros residenciais e vivendas para maiores, 283 privadas e 79 públicas, cunha oferta de 21.269 prazas.

Este informe destaca, tamén, o predominio da iniciativa privada, con 13.115 prazas ao seu cargo, 61,7%, fronte as 8.154 públicas, 38,3%, a segunda porcentaxe máis baixa de todo o Estado, só por detrás de Aragón.

"As cifras do Imserso revelan que Galiza só dispón de 1,2 prazas públicas para cada 100 persoas maiores de 65 anos".

Segundo as cifras do Imserso, a relación de prazas públicas por cada 100 persoas maiores de 65 anos estaría en 1,2; e en 1,93 a de emprazamentos privados.

80% das prazas, privadas

Na actualidade, son os recursos máis abundantes no país. Confírmano tamén os datos facilitados pola Consellaría de Política Social a Nós Diario. "Galiza conta con 223 residencias para persoas maiores repartidas por todo o territorio, con perto de 19.500 prazas".

Do número total de centros en funcionamento, detalla, "49 son de titularidade pública autonómica: 38 de xestión directa da Xunta e 11 do Consorcio". Estas 49 residencias, engaden fontes da Administración, suman 3.829 prazas.

"A Xunta xestiona 38 residencias de forma directa, 11 a través do Consorcio Galego de Benestar. Xuntas sumasn 3.829 prazas".

Así, malia rebaixar as cifras absolutas, o dominio da empresa privada no sector das residencias da terceira idade crece até controlar 80% da oferta actual de aloxamento destinado á atención de maiores e dependentes. 

Na actualidade, conviven catro modelos de residencias: pública autonómica, tanto de xestión directa como concertada; pública municipal, tamén de xestión directa e concertada; de iniciativa social, xestionadas por asociacións ou fundacións, e privada.

Cabe destacar que en 2018, segundo a Memoria anual da Consellaría de Política Social, a Xunta da Galiza tiña 3.467 prazas concertadas en 74 centros, tantas como de titularidade propia e de xestión directa; 1.000 máis que dez anos atrás.

O custo das prazas

A oferta pública e concertada non é suficiente para atender a demanda social. E o auxe da empresa privada no sector, apunta o doutor en Economía e profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Albino Prada, lonxe de indicar unha escaseza de solicitudes, sinala "unha exclusión invisíbel de usuarias potenciais".

"O feito de que a oferta privada duplique a pública indica que na Galiza existe unha gran demanda destes servizos sociais. Mais a oferta pública é deficitaria -para unha poboación de 670.000 persoas maiores de 65 anos- e estalle cedendo terreo a un gran negocio privado que se aproveita dunha necesidade social preferente" e que a Administración pública non está cubrindo, explica.

"Urxen auditorías capaces de poñer o foco sobre o custo desigual das prazas públicas en todo o Estado".

Prada reclama maior transparencia. Urxen auditorías capaces de poñer o foco sobre o custo desigual das prazas públicas en todo o Estado para evitar “un eventual malgasto dos recursos públicos nun servizo tan necesitado", di. E de paso, destapar o lucro das privadas.

Os últimos datos dispoñíbeis ao respecto, recollidos polo Imserso en 2015, fixaban o prezo medio anual dunha praza pública en 17.998 euros. Esa mesma praza, nun centro concertado custaba 18.250 euros ao ano, e as persoas usuarias pagaban do seu peto perto de 35% co custo total. Máis da metade da pensión media galega e 75% da das mulleres, ambas por baixo dos 1.000 euros.

O coronavirus bate coas deficiencias da atención privada

Na Galiza, as residencias privadas están en mans de grupos apoiados por fondos de investimento estranxeiro. É o caso de DomusVi, nome co que se dá a coñecer a galega Geriatros desde que mudou de propietario en 2017 por quinta vez. É o xigante da atención sociosanitaria no Estado, con Josefina Fernández á cabeza.

"A xestión privada móvese por intereses monetarios ou caritativos, ás veces, de dubidoso propósito", incide Xan Carlos Ânsia a Nós Diario. Como delgado da CIG en Política Social, leva tempo denunciando o desleixo, a precariedade e a incompetencia que reina entre os servizos sociais para a terceira idade privatizados.

"Cun persoal explotado, infradotado e con salarios de 900 euros é imposíbel manter os niveis mínimos de limpeza, asistencia e calidade das usuarias".

"Se nas residencias públicas xa acusamos deficiencias de persoal, sobrecarga asistencial, escaseza de recursos e perda de dereitos laborais; na privada, a precariedade multiplícanse". Nese contexto, abunda, "cun persoal explotado, infradotado e con salarios de 900 euros é imposíbel manter os niveis mínimos de limpeza, asistencia e calidade das usuarias".

O impacto da COVID-19 

O coronavirus non fixo máis que remarcar as carencias e a neglixencia que, ás veces, tamén rodea o coidado das persoas maiores residentes, moi afectadas pola infección do SARS-CoV-2. 

A residencia San Carlos de Celanova sumou onte 31 casos positivos, 23 con plans de traslado ao centro integrado de Baños de Molgas -un dos dous habilitados para residentes con coronavirus-. En total, 18 traballadoras e 46 residentes contaxiadas, segundo fontes familiares.

"Os recursos dispoñíbeis non son suficientes para cumprir coas medidas de prevención e atención sanitaria".

Ao seu cargo, até hai dous días, "había poucas profesionais, sen equipos de protección, con moitas horas de traballo ás costas e unha gran presión emocional", comenta a este xornal unha voluntaria que acudiu ao centro botar unha man.

"De súpeto chegaron os protocolos da Xunta, pero quen os redactou non coñece a realidade das residencias nin entende de xestión dos recursos", critica Ânsia. "Os que hai non son suficientes para cumprir coas medidas de prevención e atención sanitaria".