Social

75% das persoas maiores da residencia de Celanova dan positivo en COVID-19

Residencia San Carlos de Celanova en Ourense (Rosa Veiga / Europa Press).
A residencia San Carlos de Celanova é a que ten o maior número de contaxiados en relación co seu tamaño, un total de 43 usuarias con coronavirus.

Polo menos 43 persoas maiores que vivían na residencia San Carlos de Celanova están diagnosticadas con coronavirus, é dicir, o 75 por cento das prazas totais da residencia (58) están ocupadas por persoas que padecen esta enfermidade.

Aínda que a día de hoxe xa se trasladou á maioría dos seus usuarios á residencia integrada Os Milagros, situada en Baños de Molgas (que foi habilitada pola Xunta para atender ás persoas maiores con coronavirus que vivisen en centros para a terceira idade), esta residencia de Celanova é a que ten o maior número de contaxiados en relación co seu tamaño.

Estes datos confirmounos a Europa Press o propio alcalde do municipio ourensán, Antonio Puga. Esta sexta feira confirmáronse 31 casos máis de coronavirus entre usuarias, despois de que se realizasen as probas PCR a todos os maiores que vivían alí, asegurou o rexedor.

Deles, 23 serán trasladados a Baños de Molgas e 8 permanecerán na residencia. Estes 31 súmanse aos 12 que xa estaban diagnosticados, once deles foron trasladados ás instalacións dos Milagros e outra persona permanece ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Ademais, nesta residencia tamén se concentra o maior número de profesionais infectadas por coronavirus. A Consellaría de Política Social ratificou que 18 empregadas deste centro están contaxiadas. A pasada quinta feira descubríronse dous novos casos entre as traballadoras, que se atopan recuperándose nas súas casas, segundo explicou Antonio Puga.

De feito, das 37 traballadoras de residencias diagnosticadas no país, case a metade pertencen a este centro de Celanova. Así mesmo, nesta xornada o número de persoal infectado na Galiza creceu un 32% respecto ao día de onte e espérase que siga en aumento.

BNG pide un reforzo de persoal e máis material

O portavoz do BNG en Celanova, Leopoldo Rodríguez, asegura que unha vez iniciados os traslados "agora o urxente é que se reforce o persoal en Celanova". "As traballadoras xa hai días que superaron os seus límites e non poden máis. Precísase xa unha enfermeira e tamén, auxiliares xerocultoras", salienta. 

O nacionalista tamén recalca a escaseza de material de protección ao dispor do persoal do centro. "En especial sinalan á falta de traxes buzo, que deben utilizar as traballadoras que están en contacto cos casos de coronavirus, precisamente os máis delicados de atender e que exixen máis esforzo", explica Rodríguez.