Denunciada Política Social perante a Inspección pola situación nas residencias

A residencia San Carlos, de Celanova, rexistrou un grave brote de coronavirus (Rosa Veiga Europa Press)
"Caos organizativo" e "deixadez" na toma de medidas preventivas fronte ao coronavirus nos centros dependentes de Política Social. Isto é o que denunciou a CIG perante a Inspección de Traballo no día en que Feixoo informou de que o Goberno galego pasa a tutelar as residencias de maiores que están en mans privadas.

A CIG-Administración Autonómica vén de denunciar á Consellaría de Política Social perante o Xefe Territorial da Inspección de Traballo pola súa xestión nas residencias de maiores, centros de menores (residenciais) e centros de atención a persoas discapacitadas polo "caos organizativo e a deixadez na toma de medidas de prevencion perante a COVID-19".

A responsábel da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, explica, "levamos moitos días denunciando a situación nos centros sociais da Xunta e tememos pola saúde das residentes e traballadoras porque aquí non se fai cargo ninguén e a situación xa é desesperante". De aí que o sindicato solicitase da autoridade laboral medidas cautelares de inmediato, entre elas, facer a proba de detección do coronavirus "a todo o persoal urxentemente".

O sindicato advirte da situación de "caos" que se dá nos centros e denuncia a "situación desesperada na que se atopa o persoal ante a falta informacion". "Ninguén fai nada, máis alá de pelexar polo tema das máscaras", alerta Burgos. Entre outras actuacións, a CIG propón adecuar algún espazo hostaleiro para que as traballadoras e traballadores poidan descansar e evitar o contaxio. Asegura que, a nivel xeral, "nestes centros non se están a tomar as medidas de prevención de riscos laborais necesarias para protexer o persoal nin as persoas usuarias a pesar de que foi requirido especificamente en varias ocasións desde o comezo da alarma sanitaria".

"A Xunta non fixo caso"

"A Xunta non fixo caso, non tivo a dilixencia necesaria na protección ou simplemente non actuou". En relación ao risco de infección, Burgos asegura que "non se dotou ao persoal do equipamento de protección individual necesario, nin se lle formou previamente de como debería empregarse ou das medidas hixiénicas a adoptar".

Con respecto ao material para casos confirmados ou sospeitosos estabelecidos polo protocolo de sanidade, que son luvas de nitrilo, máscaras FFP2 e FFP3, batas desbotábeis impermeábeis de manga longa e gafas de protección, "as existencias nos distintos centros son escasas, non hai, ou son moi deficientes, ou non están a disposicion do persoal".

Após presentar a CIG a denuncia perante a Inspección de Traballo e despois das reiteradas denuncias de familiares, das que se fixo eco Nós Diario nos últimos números a raíz dos contaxios que tiveron lugar en centros de maiores, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ofreceu unha rolda de prensa na tarde de onte para anunciar, entre outras medidas, que se concentrarán en dúas residencias integradas usuarias e usuarios de residencias da terceira idade que dean positivo en coronavirus "para que poidan ser tratados de maneira máis medicalizada".

Os centros de referencia para infectadas serán o da Fundación San Rosendo en Baños de Molgas, instalacións que non foran estreadas, e a residencia Porta de Camiño de Compostela, cuxos actuais inquilinos serán trasladados ao Hotel Congreso de Teo.

As residencias privadas, tuteladas pola Xunta

Ademais, Feixoo anunciou que desde onte "todas as residencias de maiores ou de internamento de persoas con discapacidade pasan a ser tuteladas, baixo o seguimento das autoridades sanitarias".

Os xestores privados, segundo informou Núñez Feixoo, serán responsábeis do mantemento, da organización e do protocolo exixido nestes momentos. A meirande parte das prazas de residencia que hai na Galiza son privadas, representan o 77%.

En rolda de prensa, o presidente da Xunta sinalou que das máis de 22.000 persoas que viven en residencias de maiores, 57 "deron positivo", casos que se produciron, segundo informou, en 8 dos 223 centros que hai ao longo da Galiza.

Pola súa banda, o Goberno español anunciou no día de onte a creación dun grupo especial de seguimento sobre a situación das residencias despois de que o Exército detectase persoas falecidas convivindo con residentes de varios centros.