Perto de 70% das empresas asentadas nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal pertencen ao sector servizos, a maioría de pequeno e mediano tamaño, segundo recolle un informe socioeconómico elaborado pola entidade empresarial Cofer, realizado nos últimos meses e grazas a un convenio con Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
Esta porcentaxe representa un incremento de arredor de 15% nos últimos 11 anos, en detrimento da porcentaxe de empresas asociadas ao sector industrial. Así, no ano 2012 a porcentaxe de empresas pertencentes ao sector servizos era de 55%.
O estudo analiza tamén o número de persoas asalariadas por sector. É na industria onde hai maior diversidade en canto a número de persoas empregadas: a maioría ten entre 0 e 2 empregadas; 13%, entre 3 e 5; 7% entre 6 e 9; e 6% das empresas ten entre 20 e 49 persoas asalariadas.
O informe detecta que as empresas das tres comarcas non destacan, en liñas xerais, pola innovación nin pola investigación ou o desenvolvemento, ao tempo que analiza igualmente a evolución das afiliacións á Seguridade Social.
Ferrolterra rexistraría 80% do paro das tres comarcas, un desemprego que afecta de maneira significativa ás persoas maiores de 25 anos.
Perda de poboación
No ámbito da poboación, o estudo recolle no conxunto destas tres comarcas unha importante perda de habitantes, especialmente no caso de Ortegal, onde o número de habitantes diminuíu máis de 10% nunha década. En canto ao PIB, só a comarca de Eume reflicte crecemento nos últimos anos.