Crise dos pellets

A crise dos pellets obriga a elevar a emerxencia coa Xunta á defensiva e reaccionando tarde

Unha voluntaria recollendo pellets de plástico nunha praia da Coruña. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Case un mes despois de que a Xunta da Galiza fose notificada da presenza de pellets na costa galega e catro días após activar o Plan de loita contra a contaminación mariña no seu nivel mínimo, Alfonso Rueda fixo hoxe o que se negou a facer neste tempo: elevar o nivel de alerta pola crise da marea plástica para que poidan intervir medios estatais.

Asturias anunciou a segunda feira que elevaba a nivel 2 a emerxencia pola presenza de pellets e Euskal Herria anunciaba na mañá de hoxe que activaba o seu o Plan especial de emerxencia por contaminación en ribeira do mar ante a previsión de que esas bolas de plástico alcanzasen o seu litoral. Ambos os dous territorios apresurábanse a actuar malia que a presenza de pellets —nula no caso vasco, crecente no asturiano— é moito menor que na Galiza, país que malia recibir os primeiros pellets a mediados de decembro non activou o seu Plan por contaminación mariña até o 5 de xaneiro e no seu nivel máis baixo.

Desde entón, o presidente galego, Alfonso Rueda, negárase a elevar o nivel de emerxencia, evitando así a participación de medios estatais. Até esta mesma terza feira, en que o titular da Xunta recuou e, após catro días negándose a facelo, anunciou que elevaba o nivel de emerxencia a 2. 

Mais Rueda fixo este anuncio como se elevar o nivel de emerxencia fose un requisito exixido polo Estado e non por entender que a gravidade da situación —millóns de pellets na costa galega— así o requirise. "Estamos seguros de que se isto fose noutra comunidade autónoma, Catalunya por exemplo, non estarían con estes requisitos que nos están esixindo para activar a súa colaboración", argumentou Rueda. 

A preguntas dos medios de por que se tardou até hoxe [por esta terza feira] en elevar ese nivel anticontaminación, Rueda respondeu: "Se o requisito que nos están pedindo é elevar o nivel de alerta, farémolo, pero cunha petición moi expresa: que se traballe no mar", onde hai "centos de sacos agora mesmo que [aínda] non chegaron á costa".

O novo nivel decretado supón que se permite incorporar ao dispositivo de limpeza e retirada medios distintos aos municipais e galegos, incluíndo recursos estatais e a súa coordinación a través do Centro de Coordinación Operativa Integrada, onde están representadas as distintas administracións implicadas.

Durante estes últimos días o Goberno galego fixo ouvidos xordos a todas as peticións para que elevase ao seguinte nivel a emerxencia: ás realizadas desde a oposición (BNG, PSdeG), pasando por colectivos ambientalistas como Adega, concellos, o Executivo estatal ou mesmo desde o sector do mar. 

A virada do presidente galego chega despois de que a Xunta da Galiza ficara practicamente en solitario defendendo que non era preciso activar o nivel 2 de alerta. Centos de voluntarios nos areais galegos recollendo pellets, aumento das críticas dos concellos polo "abandono" por parte da Administración galega á hora de afrontar a crise; Fiscalía de Medio Ambiente abrindo dilixencias pola vertedura de plásticos, ou o malestar social ante unha resposta "tardía" supuñan un escenario pouco favorábel que Alfonso Rueda manobra para evitar que, a pouco máis dun mes das eleccións, se perpetúe.

O conselleiro recoñece que soubo dos pellets o día 13

O conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, enviou hoxe a máis alcaldes e alcaldesas a carta que xa remitiu a semana pasada, 4 de xaneiro, a concellos costeiros como Ribeira ou Muros, entre outros. Unha misiva na que, como sinalaran entón a Nós Diario rexedores como o ribeirense Luís Pérez Barral, o Goberno galego situaba nos propios concellos a responsabilidade de limpar os pellets. Ademais, nesa misiva a Xunta recoñece que "nas últimas semanas" recibiron varios avisos relacionados coa aparición de pellets en varios puntos da costa galega, o que contradí as manifestacións do Executivo presidido por Rueda de que até inicios deste ano non coñeceron este episodio.

Así mesmo, a carta asinada polo conselleiro recolle que "o pasado día 8 de decembro o buque mercante Toconao sufriu a perda de seis contedores que formaban parte da súa carga, uns dos cales contiña pellets de plástico", indícase para engadir que "isto foi notificado ao Centros de Coordinación de Salvamento (CSC) de Fisterra e 21 de decembro foi notificado á Dirección Xeral de Costas e a Delegación do Goberno". Afirmacións nas que a Xunta recoñece implicitamente que tiña coñecemento do que estaba a acontecer. 

De feito, Alfonso Vilares acabou recoñecendo hoxe en Muxía, comarca de Fisterra, que a Xunta da Galiza soubo dos pellets o pasado 13 de decembro [tal e como publicou Nós Diario na fin de semana] mais afirmou que sen coñecer "de onde viñan"

Portugal avisou o Estado o 8 de decembro

Por outra parte, e como se deu a coñecer hoxe, a Dirección Xeral de Recursos Naturais, Seguridade e Servizos Marítimos de Portugal emitiu un informe na mesma madrugada do 8 de decembro apuntando que o buque Toconao perdera seis contedores fronte ás costas de Viana do Castelo, unha información que se trasladou ao Estado español. O Goberno español afirmou durante todo este tempo que tivo coñecemento da chegada de pellets ás costas galegas o 13 de decembro, por unha chamada do 112 Galiza a Salvamento Marítimo informando de que un particular atopara un saco de pellets nunha praia. 

Noutra orde de cousas, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) enviou unha comunicación aos 74 concellos costeiros do país para solicitar "información directa e real" sobre a vertedura de pellets plásticos nos seus termos municipais.

O informe da Xunta que nega a toxicidade dos pellets non os analizou

O primeiro informe encargado pola Xunta da Galiza para determinar a posíbel toxicidade dos pellets chegados ás costas galegas conclúe que se trata de elementos non perigosos e que, mesmo, pola súa composición, son aptos "para uso alimentario", en referencia a que con este materia poden facerse recipientes para albergar produtos alimenticios. A vicepresidenta e conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, afirmou en base a este informe, que os pellets "non son tóxicos nin perigosos". 

O informe está asinado polo doutor en Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros Santiago García Pardo. Trátase, con todo, dunha primeira analítica de urxencia, na que o experto non analizou os pellets en si mesmos, se non que se realizou "en base ás fichas técnicas e fichas de seguridade facilitadas". En concreto, identifícase como un produto de 'Coraplast', composto nun 88-90% por polietileno e nun 10-12% por aditivo UV622. A principal conclusión deste informe é que o produto "non é perigoso", afirma. "Neste sentido, todos os riscos contemplados pola normativa vixente quedan excluídos, tanto para o produto como para os seus ingredientes de forma individual", recolle. Ademais, "outra conclusión relevante" é que, segundo a ficha técnica adxunta a esta análise preliminar, o produto "é apto para uso alimentario". 

Na comunidade científica diversas voces incidiron ao longo destes días no feito de que os pellets, sexan ou non tóxicos, si que son contaminantes e teñen un impacto e afectación sobre o medio mariño.