crise dos pellets

Rueda recúa e subirá ao nivel 2 de alarma pola crise dos pellets após facelo Asturias

Alfonso Rueda en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
En declaracións esta terza feira Rueda anunciou que aumentará o nivel de alerta, o que supón que se permite incorporar ao dispositivo de limpeza e retirada, medios distintos aos municipais, incluíndo recursos estatais e a súa coordinación a través do Centro de Coordinación Operativa Integrada, onde están representadas as distintas administracións implicadas.

Após ser notificada a Xunta da Galiza o día 14 de decembro da chegada de millóns de pellets de plástico, o titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, tardou case un mes en activar o plan de emerxencia. Até esta terza feira mantívoo no nivel 1, de “pouca gravidade” mais finalmente recuou e decidiu elevalo ao nivel 2, como fixera xa Asturias. En declaracións esta terza feira Rueda anunciou que aumentará o nivel de alerta, o que supón que se permite incorporar ao dispositivo de limpeza e retirada medios distintos aos municipais, incluíndo recursos estatais e a súa coordinación a través do Centro de Coordinación Operativa Integrada, onde están representadas as distintas administracións implicadas.

Deste modo Rueda dá marcha atrás após ter apostado por manter o nivel 1 a diferenza do que fixera Asturias. De feito, a primeira información sobre a aparición destes microplásticos na costa asturiana foi o pasado 5 de xaneiro. Ese mesmo día, o Executivo asturiano asegurou que estaba a facer un seguimento da chegada destes pellets, procedentes dun barco que perdeu parte da carga fronte a Viana do Castelo (Portugal). O principado activou o seu plan de contaminación mariña na segunda feira, tras confirmar a chegada destes produtos a varias praias do litoral occidental asturiano.

Euskadi

Pola súa parte, Euskadi, a pesar de non ter aínda pellets nas súas costas, xa activou esta terza feira o plan especial de Emerxencia por contaminación ante a previsíbel chegada destes microplástios ao seu litoral. A conselleira de Desenvolvemento Económico, Sustentabilidade e Medio Ambiente, Arantxa Tapia precisou que traballarán por eliminar ao máximo os residuos en alta mar, aínda que recoñeceu que probabelmente chegarán ás praias vascas.

Na rolda de prensa posterior ao consello do Goberno vasco, Tapia referiuse aos pellets de plástico que perdeu un buque en augas portuguesas e que xa chegou á costa galega, asturiana e cántabra. Tapia explicou que existe en Euskadi un plan especial de Emerxencia ante a contaminacion da ribeira do mar denominado "Itsasertza", que se decidiu activar e nas próximas horas o vicelehendakari primeiro, Josu Erkoreka, convocará a comisión asesora "Itsasertza" para facer un seguimento e unha coordinación de todas as actuacións que levarán a cabo.

Tamén en Euskadi, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, Iñaki Subijana, afirmou que a vertedura de pellets de plástico detectado na Galiza "hipoteticamente" pode constituír un delito ambiental e emprazou á análise de diferentes elementos "para ver se hai unha responsabilidade xurídico-penal".

En declaracións a Radio Euskadi, Subijana manifestou que "analizar elementos como a toxicidade do que se verteu, elementos como quen levou a cabo a vertedura, sobre o modo e maneira en que se actuou fronte a esa situación" son "todos eles" elementos informativos "que van dar un cadro, unha imaxe que permitirá, a partir da regulación legal do Código penal, ver se efectivamente hai unha responsabilidade xurídico-penal".