Crise dos pellets

Pontón pide a Xunta e Estado "deixar as pelexas" polos pellets e acusa Rueda de minusvalorar a crise

"E vemos un Goberno que está absolutamente superado e ao que parece que xa lle importa máis a súa campaña electoral que darlle unha resposta a unha crise ambiental deste nivel", di a líder do BNG.
Ana Pontón, hoxe, en Corrubedo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, hoxe, en Corrubedo. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu hoxe na importancia de elevar o nivel de alerta pola 'crise dos pellets' á vez que demandou ás administracións estatal e galega que "se deixen de pelexas". Pontón desprazouse esta terza feira de novo a Corrubedo, en Ribeira (O Barbanza), para comprobar de novo a situación derivada da vertedura destes plásticos ao mar, un tema que lles "ocupa e preocupa" e ao que hai que "darlle resposta adecuada".

Así, manifestou que para o BNG é "urxente que o presidente da Xunta" compareza no Parlamento para "dar toda a información a este respecto de que está a pasar, que información ten o goberno e que medios van poñer ao dispor", porque "evidentemente estamos ante un problema ambiental moi grave que require toda a transparencia e toda a información".

"Lamentabelmente, isto é xustamente o que falta. Estamos a ver como o Partido Popular da Galiza repite o mesmo manual que durante o Prestige. Primeiro, oculta o problema; segundo, tenta minimizalo", apreciou, para engadir, a continuación, que aplica a "manipulación e propaganda informativa".

"Goberno superado"

"E vemos un Goberno que está absolutamente superado e ao que parece que xa lle importa máis a súa campaña electoral que darlle unha resposta a unha crise ambiental deste nivel", remarcou Pontón, quen asegurou a que "pasamos de Raxoi dicindo durante o Prestige que eran uns 'hilillos de plastilina' a que xustamente desde Madrid, Rueda diga que isto son unhas bolitas de plástico", a pesar de que é "nin máis nin menos que unha vertedura de 25 toneladas de plásticos contaminantes".

"Desde logo, a cidadanía galega merece unha resposta á súa altura e cremos que este é un tema suficientemente grave como para que o Partido Popular aparte esa estratexia de mentira e manipulación e realmente empece a traballar para dar unha resposta apropiada a este momento", reclamou. Pontón tamén chamou a Xunta a facer público o informe que esta segunda feira mencionou a conselleira de Medio Ambiente e que, segundo indicou Ánxeles Vázquez, ditamina que os pellets "non son contaminantes", información que ve "desmentida" pola propia Fiscalía, que afirma que se trata dun residuo "con potencialidade tóxica".

Resposta "acorde"

A líder nacionalista exixe unha resposta "acorde" coa "gravidade da situación" e "que non se poñan por diante intereses electoralistas. Tamén apuntou que "se a Xunta da Galiza" non elevase a situación de risco "podería estar prevaricando, porque non está a tomar unha decisión acorde coa gravidade do problema e isto é gravísimo".

Finalmente, Pontón tamén quixo expresar que "por riba de todo está a protección do medio ambiente e do mar", que non se pode esquecer que é "unha fonte de traballo e de riqueza importantísima para Galiza". Por tanto, advertiu de que "se de algo está cansa a sociedade galega é de confrontacións estériles e inútiles".

Comentarios