As protestas contra a manipulación na CRTVG suman 300 semanas: "Os medios públicos están ao servizo do PP"

Protesta do persoal da CRTVG contra a manipulación informativa nos medios públicos o pasado 11 de xaneiro. (Foto: Comité Intercentros CRTVG).

Persoal da CRTVG fai hoxe 300 semanas de mobilización contra a manipulación informativa e as represalias. A protesta desenvólvese só un día despois de que a coordinadora de Persoal da Radio Galega declarara nunha causa por un presunto delito de acoso, na que tamén está inmerso o director xeral da CRTVG.

As traballadoras e os traballadores da Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG)  organizados no colectivo Defende a Galega suman hoxe 300 xornadas de protestas no marco dos 'Venres Negros' contra a manipulación informativa nos medios públicos. As mobilizacións véñense repetindo desde o venres 25 de maio de 2018, co obxectivo de lograr unha Televisión da Galiza (TVG) e unha Radio Galega (RG) onde prime a veracidade e a neutralidade informativa e que o seu funcionamento se axuste ao disposto na Lei de Medios de Comunicación Audiovisual da Galiza, aprobada polo Parlamento en 2011.

O membro do Comité Intercentros da CRTVG e secretario da sección sindical da CIG no ente público, Tiago Alvite, sinala a Nós Diario que estas mobilizacións “responden á persistencia da Dirección da CRTVG en ter uns medios públicos galegos ao servizo do Partido Popular e non ao servizo do pobo galego”. Nesta liña, liga as protestas dos venres “co rexeitamento do persoal da CRTVG á manipulación e ao control da información por parte do equipo directivo da compañía en beneficio do partido do Goberno”.

As denuncias de manipulación informativa pairan sobre a CRTVG desde o retorno ao Goberno galego do Partido Popular no ano 2009. En outubro de 2022, os colexios profesionais de xornalistas da Galiza, Andalucía, Asturias, Cantabria, Castela e León, Catalunya, Murcia, Nafarroa, Euskadi e A Rioxa reclamaron nun comunicado conxunto que os medios públicos galegos “teñan como principios reitores a calidade, a profesionalidade, a independencia, a pluralidade e a viabilidade”. Tamén demandaron da CRTVG “unha información libre e ao servizo dos valores democráticos, que non estea pregada, como lamentabelmente é habitual, aos intereses políticos do momento”.

A actual campaña electoral volveu pór no foco a falta de neutralidade informativa da CRTVG. Así, por exemplo, a propia Xunta Electoral, nunha resolución do 2 de febreiro, obrigou a compañía a mudar o Plan de cobertura informativa por considerala “non suficiente”.Unha parte das formacións da oposición criticaron a propia orientación do debate electoral da canle pública, decorrido o 5 de febreiro e en que un dos moderadores, Alejandro López Carballeira, está ser investigado polo Xulgado de Instrución número 1 de Compostela por presunto acoso laboral a unha compañeira. A este respecto, Alvite apunta que “a situación de manipulación estase a agravar durante a campaña electoral, onde se están sobrepasando todos os límites”.

A presidenta do Comité Intercentros da CRTVG, Raquel Lema (CUT), lembra a Nós Diario que “moi antes do comezo da campaña electoral dirixímonos ao Parlamento da Galiza pedindo que os medios públicos non se converteran nun delirio partidista, mais a manipulación intensificouse a medida que avanzou a campaña, até chegar a unhas situacións nunca vistas”. A este respecto, sinala que “a día de hoxe a palabra delirio quédase pequena e o que están facendo ben podía cualificarse como delito porque contravén todas normas deontolóxicas do xornalismo”.

O cumprimento da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual da Galiza é unha das demandas centrais dos protestas dos “Venres Negros” desde o seu comezo. Nesta dirección, Alvite indica que “reclamamos o cumprimento da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual da Galiza, do ano 2011, aprobada polo propio PP, que recolle que o director xeral da CRTVG sexa elixido pola maioría cualificada do Parlamento da Galiza”. Ao tempo, demanda “a aprobación do Estatuto profesional e o Consello de Informativos como instrumentos que garantan a independencia dos profesionais da información e a creación dunha autoridade audiovisual independente do Goberno e os operadores que vele polo cumprimento deses obxectivos”.

Sánchez Izquierdo

Un bo exemplo da realidade da CRTVG é a situación legal do director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, que se mantén no cargo desde 2009 após ser designado por un acordo do Consello da Xunta. Malia que a Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual da Galiza estabelece que o máximo responsábel da CRTVG debe ser nomeado polo Parlamento da Galiza por unha maioría cualificada de dous terzos ou tres quintas partes, a súa elección non cumpriu este trámite, manténdose no cargo de modo interino, tras unha reforma, a medida, recollida na Lei de acompañamento dos orzamentos de 2016.

A xestión da Dirección Xeral da CRTVG foi cuestionada por diversas resolucións xudiciais. Así, a contratación e designación da maior parte dos membros da estrutura de alta dirección do ente público foi cuestionada por un auto do Tribunal Supremo (TS) de novembro de 2023, onde ratificaba unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de abril de 2022, que condenaba a CRTVG a indemnizar un membro do equipo de alta dirección da compañía con 173.303 euros por despido improcedente. As fontes da sección sindical da CIG na compañía sinalan que atendendo ao plano orgánico de dependencia xerárquica directa da Dirección Xeral do ente público, das 37 persoas con relación laboral especial de alta dirección, 31 estarían en fraude de lei.


Vitalina Cuña declara por un presunto delito de acoso laboral na CRTVG

Vitalina Cuña Palencia e Susana Fernández Veiguela declararon onte no Xulgado de Instrución número 1 de Santiago en calidade de investigadas en relación cunha querela por presunto acoso laboral presentada por unha xornalista que accedeu hai 35 anos, mediante concurso-oposición, a unha praza fixa como redactora na Radio Galega. Na mesma xornada, estaba tamén citada Paula Veloso Pereira, que finalmente non prestou testemuño por cuestións derivadas da axenda da maxistrada que leva o caso.

A primeira persoa en prestar declaración na xornada de onte foi a coordinadora de Persoal da Radio Galega, Vitalina Cuña Palencia. Segundo sinalaron a Nós Diario fontes da representación sindical da CRTVG, Cuña ten protagonizado reiterados incidentes con persoas traballadoras na Radio Galega polo “trato despótico e os malos modos que emprega”. Desta problemática fíxose eco o Comité Intercentros, que nun escrito de 28 de maio de 2021 denunciou o “profundo malestar pola xestión dos recursos humanos na Radio Galega”.

A continuación de Cuña deixou testemuño no xulgado Susana Fernández Veiguela, que no momento dos feitos denunciados era directora de Recursos Humanos do ente público. A declaracións destas dúas persoas viñan precedidas das de Xosé Pereira Fariña, Alejandro López Carballeira e Tania Fernández Lombao o pasado 31 de febreiro e terán continuidade o 22 de febreiro co director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e o responsábel do Servizo de Prevención, Manuel Casás Macías.