18-F | Vídeo

Ana Miranda volve denunciar na Eurocámara a "manipulación" e "falta de imparcialidade" na CRTVG

"A súa actitude é unha ocultación pola súa parte, presidenta, dunha longa denuncia cidadá sobre a manipulación que existe por parte do Goberno galego na CRTVG, faltando así ao cumprimento das súas funcións", reprochoulle a deputada do BNG á presidenta da comisión de Peticións, Dolors Montserrat, do PP.
A eurodeputada Ana Miranda, intervindo hoxe na comisión de peticións do Parlamento europeo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A eurodeputada Ana Miranda, intervindo hoxe na comisión de peticións do Parlamento europeo. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de denunciar no Parlamento Europeo a "manipulación existente" na televisión e radio públicas da Galiza, así como o "incumprimento" por parte do Executivo galego da directiva de servizos de comunicación audiovisual e a "falta" dos principios de imparcialidade, pluralismo e non discriminación.

Así o fixo esta cuarta feira na comisión de Peticións da Eurocámara, onde denunciou a "ocultación" e "continuos atrasos" no tratamento da petición presentada o pasado ano polo Comité Intercentros da CRTVG. Neste sentido, e nunha intervención na que foi varias veces interrompida pola presidenta da Comisión —Dolors Montserrat, do PP—, explicou que tras a solicitude formulada polo grupo parlamentario dos Verdes-Alianza Libre Europea para incluír esta petición, a súa inclusión foi retrasada en sucesivas ocasións, pese a que a petición é "perfectamente aceptábel e plenamente conforme co Regulamento do Parlamento Europeo".

"Gustaríame denunciar a completa terxiversación do debate que tivo lugar durante a reunión de Coordinadores desta comisión de Peticións en xaneiro de 2024, en relación coa decisión tomada sobre a Petición 0520/2023 presentada por José Santiago Alvite, en nome do Comité Intercentros da CRTVG, sobre o incumprimento da Directiva de Servizos de Comunicación Audiovisual por parte do Goberno galego", sinalou a eurodeputada galega, quen acusou a presidenta da comisión de "falta de imparcialidade e de equidade no desempeño da súa función segundo os asuntos que se traten".

Longa protesta

Tras pedirlle a Montserrat que non a interrompese, Ana Miranda denunciou que "o certo é que vostede non quere escoitar a voz dos denunciantes, representantes dos traballadores e traballadoras dos medios públicos da Galiza que veñen denunciando desde hai máis de 300 semanas", en referencia ás protestas continuadas nos coñecidos como 'Venres Negros'.

"Isto é moi lamentábel", incidiu. "A súa actitude é unha ocultación pola súa parte, presidenta, dunha longa denuncia cidadá sobre a manipulación que existe por parte do Goberno galego na Compañía de Radio Televisión da Galiza, faltando así ao cumprimento das súas funcións", concluíu.

Esta denuncia presentada por traballadores e traballadoras do ente público galego foi declarada admisíbel pola Comisión de Peticións no mes de setembro de 2023, mentres no mes de novembro, na denominada reunión de coordinadores dos grupos políticos, produciuse un empate técnico á hora de decidir a inclusión desta petición na axenda de xaneiro.

Comentarios