Perto de 90 xeriátricos entran na listaxe das empresas que máis diñeiro facturan na Galiza

Acceso a unha residencia de maiores da Galiza. (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #residencia #maiores #coronavirus #covid19 #falecementos #vítimas #galiza #pandemia

O informe Ardán, un documento de análise económica que elabora a Zona Franca de Vigo, revela que xa antes da pandemia as principais residencias de maiores do país moveron 209,15 millóns de euros en só un ano.

A denuncia da existencia de residencias de maiores como un negocio na Galiza non é nova. Desde que comezou a pandemia da Covid-19 a cidadanía galega asistiu a moitas advertencias sobre certos modelos nalgunhas destas infraestruturas, fundamentalmente privadas e concertadas que supostamente contan co favor da Xunta. Hai escasos días o Goberno galego aprobaba unha partida de fondos para outro xeriátrico, un paso máis na alianza.

O Informe Ardán, un estudo económico pormenorizado que realiza ano a ano a Zona Franca de Vigo, recolle en 2018 - as expertas traballan con dous anos de marxe para facer as análises e está pendente a publicación de 2019- o gran volume de diñeiro que move o coidado de persoas maiores.

Atendendo ás cifras que revela o informe independente, na listaxe dos 51 sectores produtivos con maior potencia da Galiza aparecen os xeriátricos.

Concretamente, 86 destes centros moveron 209,15 millóns de euros en 2018, o que implicou unha variación bruta anual á alza dun 17,28% e con 151,99 millóns de valor engadido bruto.

Uns resultados sen analizar o efecto do virus

Se ben é certo que está por coñecer o efecto que terán os escándalos vinculados ao coronavirus -a falta de control e atención nas residencias, ás mortes de usuarias,  as protestas laborais...- non deixa de ser sintomático que as investigadoras sitúen este como un dos sectores “máis dinámico” xunto co téxtil, a produción de enerxía eólica ou as conservas.

O Ardán non só fornece unha visión global do tecido empresarial senón que tamén analiza distintos parámetros ou características, que levan a colocar determinadas compañías como punteiras nunhas ou outras vertentes.

Así, con independencia da caótica xestión que saíu á luz co virus, situou como referencias de “empresa ben xestionada” a Gestión Geriátrica Principado de Asturias -máis coñecida como Geriatros-, responsábel da instalación Nosa Señora da Magdalena, cuxos ingresos de explotación recollidos no último documento son de 941.932 euros.

A Residencia Salvatierra -de cuxos escándalos e vínculos co mundo das drogas deu boa conta Nós Diario hai uns meses- subiu os seus beneficios, chegando até 1.695.524 euros pola explotación.

Aliás, as Residencias da Terceira Idade Virxe de Guadalupe, no alto de San Cosme, movéronse en cifras por enriba de 1.372.000 euros. A industria e o téxtil van por enriba neste ranking, pero o volume de ingresos volve dar unha mostra tanxíbel do que teñen denunciado particulares ou entidades como a Federación Rede nos últimos tempos.

Na distinción de “empresa gacela” -aquela que ten un crecemento rápido e promove un bo número de empregos, ademais de asumir máis riscos que a competencia, entre outras particularidades- aparece, xa no cuarto lugar, outro xeriátrico. Neste caso Abeiro Gold S.L., detrás do que están lugares como a Albertia de Lugo, cuns ingresos de 3.139.780 millóns de euros. A firma Avós Felices S.L., na Laracha, move só 647.741 euros pero aínda así é unha contía importante.

Tamén DomusVi ingresa

Ao igual que nas denuncias e escándalos DomusVi tivo un papel protagonista, tamén o fai neste capítulo pois Servigar XXI Jardines de Llivia aumentaba os seus ingresos nun 63,84%. A priori o nome non di nada, pero como Administradora única desta marca aparece Josefina Fernández, a conselleira delegada de DomusVi que saltou a súa quenda de vacinación e que, supostamente, ten un trato favorábel do Goberno galego.

Se se fala de “empresas de alto rendemento”, aquelas que teñen unha “rendibilidade económica media de polos menos o 25% en tres anos, sempre que en ningún outro exercicio baixara do 15%”, ten o seu espazo o Centro Residencial O Castro, en Teo, ao que se fixeron numerosas referencias neste ano e medio debido aos contaxios da Covid-19. A última cifra que se deu foi de 1.762.415 euros como resultado de explotación.

E no capítulo de “empresas de alta produtividade” (terá máis de cinco empregados e un valor engadido por persoa creceu nos últimos tres anos) entra Sogaserso S.A., que no seu día estivo participada pola Administración pública e que, hoxe en día, está en mans privadas. A priori, o estudo vincúlaa a Geriatros. 

Respecto do cadro de persoal, máis do 84% son mulleres polo que se trata dun sector laboral moi feminizado, algo que normalmente provoca “desigualdades sociais” en todo tipo de empresas, segundo indican as redactoras do estudo.

Con este panorama como referencia e as supostas prácticas dubidosas para aforrar cartos como pode ser a compra de comida en mal estado, parece incrementarse a validez das testemuñas que veñen acusando ás residencias de maiores de estar máis preocupadas en facer negocios que en coidar das persoas que alí viven.