Opinión

A Igrexa e Josefina

Unha das miñas primeiras columnas falaba da gran vergoña do negocio das residencias de maiores, da impunidade e da conivencia moitas veces da Xunta coa empresa DomusVi ou a Fundación San Rosendo. Epicentro das mortes e dos contaxios pero no punto de mira moito antes de todo isto polas denuncias de traballadoras e familiares que sempre acababan agochadas nos caixóns de xulgados, redaccións e mesmo nalgúns casos dos sindicatos a onde pertencían as enlaces sindicais que tiveron o valor de alzar a voz para nada. A impotencia está en que semella todo dá igual, saia o que saia á luz, non importa, casos de sarna, mala alimentación, duchas con auga fría, falta de persoal, ameazas… Nunca é dabondo para que esta xente sufra as consecuencias dunha mala praxe.

Por iso, quero pór en valor o traballo dun xornalista e director de investigación de InfoLibre, Manuel Rico, que agardo abra os ollos ás e aos que aínda miran cara a outro lado. Vergoña!, este é o título que sae a venda mañá mércores cunha análise das causas que orixinaron a catástrofe nos xeriátricos, pero sobre todo ilustra o suculento negocio montado co coidado das e dos nosos maiores no actual modelo residencial privatizado. Polo que adianta Manuel Rico, en Vergoña!, achéganse datos inéditos deste escándalo social, moral, político e empresarial.

As trampas fiscais, o poder da Igrexa e a Administración ausente. Gobernos autonómicos, con plenas competencias en Sanidade e Servizos Sociais que non fixeron nada para evitar a catástrofe e nalgún caso ditaron ordes explícitas para prohibir o traslado de anciáns aos hospitais. Na obra explícase quen son os donos das residencias. Quizais sorprenda saber que o principal operador é a Igrexa católica, por diante de calquera grupo empresarial, aínda que este feito pasa desapercibido porque a Igrexa opera con múltiples marcas, congregacións relixiosas e fundacións. Pero por detrás da Igrexa neste traballo tachán tachán soaranos moi familiar quen está á cabeza dos considerados oito xigantes do sector a nosa DomusVi da nosa amiga Josefina.

Comentarios