A Covid-19 volve atacar as residencias: xa hai dous focos nesta quinta onda

Varias persoas ás portas dunha residencia de maiores en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Federación Rede di que estes contaxios entran dentro da normalidade, pois a vacinación non impide contraer o coronavirus pero si rebaixa os seus síntomas. A problemática é maior, por exemplo, en Catalunya onde "o 20% das persoas traballadoras negáronse á vacina".

A Consellaría de Política Social informaba o pasado sábado dun foco de coronavirus na residencia García Hermanos de Betanzos. O surto afectaba a cinco usuarias deste xeriátrico mais nesta segunda feira a Xunta tamén deu conta da detección dun novo gromo, neste caso de dous residentes no centro Campolongo de Pontevedra.

Deste último foco aínda non transcendeu máis información e no caso de Betanzos foi un traballador o que levou o virus á infraestrutura contaxiando a cinco persoas que xa estaban vacinadas.

A repentina aparición de episodios da Covid-19 nestes centros pode preocupar á cidadanía porque son os primeiros desde que en abril se alertase dun surto na DomusVi de Chantada. En consecuencia, desde o 16 de maio non había positivos comunicados pola Xunta.

A incidencia podería ser relacionada coa rebaixa das restricións posterior a maio, con medidas como permitir máis visitas e deixar que as e os residentes estean sen máscara dado que xa se consideran inmunizados.

No entanto, a diferencia das denuncias que existen polo trato a moitas maiores en instalacións de toda Galiza, neste caso o presidente da Federación REDE de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia, Paulino Campos, invita á calma ante a expansión epidemiolóxica.

“É normal o que está a suceder porque é un reflexo do que pasa na sociedade pero non existe un perigo latente como nas outras ondas porque as enfermas están leves, ao estar vacinadas, e antes podían morrer”, reflexiona.

Se ben remarca que hai casos nos que si pode haber falecementos se as infectadas teñen patoloxías graves previas, confía en que “a vacinación, aínda que te contaxies, fai que os síntomas sexan menores”.

De feito pide que a xente non se “asuste” porque é lóxico algún caso dentro das 267 residencias de maiores do país. Aliás, aquí a gran maioría dos cadros de persoal tamén están tratados. “Sería distinto se estivésemos na situación de Catalunya, cun 20% das traballadoras que se negaron a vacinarse”, indica, puntualizando iso si que en Galiza agora non estaría xustificado o confinamento das usuarias.