Acusan a Xunta de "tráfico de influencias" na vacinación da directora de DomusVi

A oposición acusa a Xunta de prevaricar coa vacinación de Josefina Fernández, amiga de Alberto Núñez Feixoo e directora de DomusVi.
Núñez Feixoo e a popular Ana Pastor, coa Ceo de DomusVi, Josefina Fernández, nunha imaxe de arquivo.
photo_camera Núñez Feixoo e a popular Ana Pastor, coa Ceo de DomusVi, Josefina Fernández, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

A Xunta da Galiza “vulnerou” os protocolos de vacinación para beneficiar a conselleira delegada da empresa DomusVi, Josefina Fernández, nun caso de “prevaricación e tráfico de influenzas”. Así o dixo esta cuarta feira, 10 de febreiro, en sede parlamentar, o deputado do PSdeG Pablo Arangüena nunha pregunta ao conselleiro de Sanidade, Julio García, en que o socialista lamentou que a Xunta tire “balóns fora” mentres favorece unha empresaria “afín ao PP galego” -dixo en referencia a Josefina Fernández-, á vez que  Alberto Núñez Feixoo "entregou" o sistema de residencias de maiores a "empresas amigas como DomusVi", dirixida pola propia Fernández, amiga do presidente "e doutros militantes do PP",  e que ten no seu comité ético outra destacada militante do PP".

E aquí foi cando o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, cortou a intervención de Arangüena sinalando que esgotara o seu tempo de palabra. Precisamente, do comité de ética de DomusVi forma parte Teresa Cendón, casada co propio Santalices, e figura de peso no Partido Popular en Vigo, tal e como informou Nós Diario nunha información en maio do pasado ano.

Aliás, Arangüena comparou a “ineficacia” do conselleiro de Sanidade á hora de investigar a vacinación de Josefina Fernández co “cesamento fulminante” de Eva Maquieira, xefa de servizo no hospital de Vigo cando na primeira vaga da pandemia reivindicou publicamente o uso de máscaras contra o coronavirus.

O socialista criticou que a Xunta xustificara a vacinación da directora de DomusVi dando por válido que tiña contacto permanente cos usuarios dos centros. Josefina Fernández “non é unha directora de residencia”, e resulta “falso que o seu contacto cos usuarios sexa permanente”, xa que “ten as súas oficinas na Avenida García Barbón de Vigo”, non nunha residencia, sentenciou.

O parlamentar tamén sinalou as vacinas irregulares da área sanitaria de Pontevedra a persoal do Sergas que non lle tocaba, e onde "Feixoo sumaba 20 persoas, os sindicatos apuntaban 200".

Tanto Arangüena como o deputado do BNG Xosé Luís Rivas 'Mini' criticaron que o PP manteña na Alcaldía a rexedora do Boimorto, vacinada sen que lle tocase e que segue gobernado a pesar de causar baixa no PP.

O conselleiro de Sanidade, Julio García, asegurou que se a conselleira delegada de DomusVi e a a alcaldesa de Boimorto acoden a centros residencias "están ben vacinadas". "Se non entran nas residencias non están ben vacinadas", afirmou.

Comentarios