sábado 19/06/21

A Xunta entrega 74 millóns anuais ás residencias privadas

A Xunta paga 74 millóns de euros anuais por prazas nas residencias privadas de maiores: 25 millóns de euros no Bono Autonomía debido á insuficiencia de prazas na rede pública e 49 millóns de euros para sufragar prazas concertadas en xeriátricos de empresas privadas.
Residencia da empresa DomusVI en Santiago de Compostela (Foto: Arxina)
Residencia da empresa DomusVI en Santiago de Compostela (Foto: Arxina)

A Xunta da Galiza destina anualmente 25 millóns de euros para o chamado Bono Autonomía que se concede a persoas que teñen recoñecido o dereito a unha praza nun centro residencial público de maiores mais que non poden acceder a ela por falta de dispoñibilidade de camas na rede pública de xeriátricos.

A este desembolso anual que sae das arcas da Xunta para as empresas residencias privadas hai que sumar os 49 millóns de euros que a Administración galega destina para sufragar prazas concertadas en residencias de maiores de titularidade privada, unha cifra, esta última, que Nós Diario xa avanzou o pasado 7 de xuño.

Así, en total, entre concertos e as novas cifras coñecidas respecto do Bono Autonomía, o desembolso da Xunta ás corporacións xeriátricas chega aos 74 millóns anuais.

Estas cifras foron recoñecidas esta quinta feira, 10 de xuño, na comisión de Política Social do Parlamento galego polo director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta da Galiza, Fernando González Abeijón, en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do BNG Olalla Rodil. A nacionalista acusou o Goberno galego de "drenar" fondos públicos a través dos concertos ás empresas privadas, que xestionan "oito de cada dez prazas" residenciais na Galiza.

En canto ao prezo medio da praza concertada, González Abeijón sinalou que este aumentou por "dous factores": o incremento do IPC e a "homologación progresiva" do prezo medio a nivel galego coas tarifas do resto do Estado. 

Aliás, a nacionalista expuxo que cada praza pública supón un gasto de 11.780 euros anuais fronte á concertada con 12.716 ao ano, unha diferenza de 8% (936 euros de distancia). Estes datos, dixo, confirman a necesidade de "incrementar as prazas públicas e os centros de titularidade pública" para garantir un dereito social hoxe convertido "nun lucrativo negocio".

Valoración da dependencia

Na mesma comisión, a viceportavoz do grupo socialista Paloma Castro reclamou á Xunta que incremente o persoal dos equipos de valoración da dependencia "para evitar atrasos nas xestións, pagos ou listas de agarda". Castro denunciou os atrasos detectados hai meses no pago das libranzas de coidados no eido familiar, sinalando que eses pagos son esenciais para a compra de fármacos. 

comentarios