O persoal da Xunta deixa paulatinamente as residencias intervidas

Residencia de maiores de Domus VI en Aldán, Cangas (Imaxe: Domus Vi)
Os centros residenciais intervidos pola Xunta da Galiza xa non rexistran positivos por coronavirus. A directora de DomusVi Aldán, en Cangas, defende que a tutela finalice mentres familiares de persoas usuarias din que o déficit do persoal non foi subsanado e reclaman que continúe.

As residencias de maiores intervidas pola Xunta da Galiza durante a pandemia da COVID-19, DomusVi Aldán, en Cangas, DomusVi O Barreiro, en Vigo e Nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras, ao fin non rexistran ningún contaxio entre as súas residentes. Hai aproximadamente dous meses, as dúas primeiras pasaron a ser xestionadas pola Administración galega debido ao "elevado número de positivos por coronavirus entre as persoas usuarias e traballadoras do centro". Daquela sumaban 189 casos en total.

O 27 de maio a Administración pública devolveu o control á Fundación Nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras, logo de ficar libre de contaxios da COVID-19 a semana anterior. Porén, desde a Consellaría non aclaran en que momento se dará por finalizada a tutela dos centros de DomusVi en Aldán e O Barreiro. "As dúas están hoxe libres de COVID-19 entre os seus usuarios, rexistrándose só dous traballadores contaxiados no centro de Aldán. Neste contexto, xa non se dan as circunstancias excepcionais que levaron á Xunta a decidir a súa intervención e, polo tanto, o lóxico é unha retirada gradual e progresiva do persoal público co que se reforzaron estes centros, para que podan 'volver á normalidade", indican fontes da Política Social, sen precisar as datas desa retirada.

A retirada da tutela

Desde REDE, a Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias, aseguran que a retirada  do persoal foi case completa. "Polo que sabemos, por parte do Sergas solicitárase marchar porque entenderon que ao non haber máis positivos rematara o seu labor", apunta Xosé Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna de Cangas e secretario de REDE.

As integrantes de REDE afirman que até que as maiores de Aldán e O Barreiro derivadas a unha residencia do municipio de Nigrán regresen, a Xunta non anunciará o cese da intervención. A Administración galega decidiu concentrar en Nigrán as maiores con resultados negativos na proba do coronavirus, se ben no propio centro chegáronse a detectar dous casos.

"O persoal da Xunta foise reducindo paulatinamente a medida que as residentes deron negativo", confirma a directora de DomusVi Aldán, Laura Cancelo, en conversa con Nós Diario. Cuestionada polas críticas de REDE á xestión da pandemia por DomusVi, Cancelo defende que ningún centro está preparado para unha enfermidade coma o coronavirus. "Non existen antecedentes nin un protocolo escrito", asegura. O centro rexistrou até 116 positivos e arredor de 30 falecementos pola COVID-19.

A directora de DomusVi Aldán valora a tutela da Xunta como "moi positiva", admitindo que o centro non tería sido capaz de xestionar o elevado índice de contaxios. "Prodúcese por este suceso fóra do normal, pero ten que rematar", afirma, facendo fincapé en que o protocolo da Consellaría de Política Social marca as tres fases a seguir até o regreso á normalidade do centro. "Polo momento, comezamos pouco a pouco a desconfinar as residentes dos cuartos e usar máis os espazos comúns", di. Cancelo salienta que o avance dunha fase á seguinte non é decidido polas residencias de maiores, senón pola xerencia das áreas sanitarias. "Sempre vai haber un apoio externo para o centro", apunta.

En troques, as integrantes de REDE reclaman que a intervención da Xunta continúe en tanto que as residencias non reforzan os cadros de persoal. Co actual, din, "é imposíbel aplicar medidas preventivas e hixiénicas". Xosé Bernardez Solla, o seu secretario, declara que a entidade non confía na vixilancia da Consellaría de Política Social.

"O que fixeron mal as residencias estamos cansos de denuncialo e elas de sabelo, non hai persoal e hai residencias nas que non se cobren as quendas de enfermaría. E o problema que temos é que despois da pandemia segue todo igual", afirma Bernárdez Solla.

Desde REDE, acusan a Xunta da Galiza de actuar con temeridade "ao levantar a intervención das residencias cando aínda é necesaria". "E prevarica cando o fai sabendo que non teñen persoal nin de atención directa, nin  de limpeza, nin de enfermaría para cumprir cos mínimos legais e coñecendo a situación de risco na que quedan os residentes", explican. 

Na procura de persoal

Desde DomusVi Aldán, a súa directora asegura que desde que se detectaron os primeiros contaxios "reforzouse o cadro de persoal", mais as integrantes de TreGa (Traballadoras de Residencias) manifestan que o reforzo chegou "do Sergas e de Política Social, non da empresa". "Non contrataron a ninguén porque contaban co persoal da Administración", manifesta a súa voceira, Sonia Jalda.

Actualmente, DomuVi mantén no seu portal de ofertas de emprego un posto vacante de enfermaría no centro de Cangas con data de onte. O 28 de maio incluíran outra para estudantes de 4º curso de Enfermaría, neste caso para traballar "baixo a supervisión da enfermeira ou enfermeiro titular". Unha oferta que a empresa xa publicara no mes de abril,  cando o centro de Aldán acumulaba máis de noventa residentes contaxiadas.