Pérez Lema: "Preparamos accións xudiciais moi potentes contra DomusVi"

Xoán Antón Pérez Lema
O avogado Xoán Antón Pérez Lema é o asesor xurídico dos colectivos de familiares de persoas usuarias das residencias. No momento en que a problemática chega aos xulgados, analizamos as accións previstas polas vítimas e as responsabilidades das direccións dos centros de maiores e da Xunta.

Unha vez que a Fiscalía admitiu a trámite diversas denuncias de familiares de persoas usuarias dos centros de maiores e que as diversas fiscalías manteñen abertas varias investigacións, cal é a situación neste momento no plano xudicial?

A Fiscalía Superior da Galiza remitiu ás catro fiscalías provinciais e ás fiscalías de área de Vigo, Santiago e Ferrol as denuncias presentadas e estas abriron unha investigación previa e recadaron datos para o exercicio das accións legais que procedan. Esta é unha cuestión na que está traballando o ministerio público pero nós, por outra banda, sexan as propias usuarias sexan as titoras, estamos requirindo información de condutas abusivas para a saúde, de neglixencia no fornecemento de material de protección ou de abandono nas cuestións asistenciais.

Que iniciativas prevén a curto prazo no ámbito xudicial as asociacións de familiares diante da situación padecida?

A nosa idea é prestar todo o noso apoio ás entidades de familiares de usuarios na constitución dun colectivo de afectados polo coronavirus nas residencias da terceira idade da Galiza, unha iniciativa extensíbel ao conxunto do Estado, para que esta plataforma que xurda poida exercer accións non só penais senón tamén civís polo incumprimento de contrato contra as xestoras dos centros de maiores. Achegáronnos ao longo deste período informacións verbais moi graves, como que houbo ofrecemento de equipos de persoal de protección por parte do Concello de Cangas e que no caso da residencia de DomusVi Aldán se rexeitaron. Mesmo algunhas facultativas do Servizo Galego de Saúde (Sergas) indicaron que a situación de base neste xeriátrico era moi negativa. Por non falar do incumprimento das ratios de persoal, que axudan a explicar as razóns das traxedias vividas nos centros de maiores. 

Semella que houbo cuestións que se fixeron mal nalgunhas residencias. En que supostos civís e penais puideron concorrer as direccións dos centros de maiores durante a xestión da pandemia?

Se hai comportamentos graves por parte das direccións das residencias e por parte dos directivos dos grupos titulares das mesmas e se se pode constatar que a neglixencia vén de ordes concretas ou dunha actitude pasiva ou neglixente na distribución de equipos de protección e da ausencia do persoal requirido -non só nas ratios da Xunta senón a respecto do que é preciso nunha situación de pandemia- pode haber evidentemente comportamentos de tipo penal, de homicidios ou lesións graves por imprudencia profesional. Por outra banda, pensamos que imos poder acreditar polo civil un incumprimento substancial das condicións de contrato e entón pódense reclamar danos, sexa por mortes, lesións graves ou contaxios e mesmo para as negativas polo incumprimento das condicións do contrato que esta traxedia botou á luz.

Ao Goberno galego correspóndelle tutelar o funcionamento das residencias e dispón de informes de Inspección que advirten do incumprimento da normativa. En que responsabilidades legais pode incorrer?

Hai unhas responsabilidades evidentes das persoas que son titulares dos centros directivos, nomeadamente da Dirección Xeral de Maiores, da Subdirección Xeral e da Xefatura de Servizo de Inspección correspondente. Se se demostra que tamén houbo pasividade ou neglixencia activa ou pasiva diante das denuncias que lles chegaron a estes órganos, entón haberá lugar a denuncias penais e incluso a causas de responsabilidade patrimonial da Administración a respecto das residentes e eventualmente a responsabilidades penais das persoas titulares destes órganos.

Que conclusións xurídicas se derivan das recomendacións recollidas no informe do Consello de Contas de 2017 e que Feixoo dixo non coñecer?

O presidente insulta a nosa intelixencia cando di que non coñece o informe. Un documento que recolle actitudes moi graves nos centros de maiores, á vista das actas de Inspección de 2015 e 2016 e tendo en conta que malia non corrixirse os procedementos de sanción non seguiron adiante. Alí fálase do incumprimento da normativa de apertura e das ratios legais de 0,35% nas residencias de xestión e titularidade privada, dos incumprimentos dos convenios asinados entre a Xunta e as residencias nos centros de propiedade pública e xestión privada e do incumprimento do réxime contractual naqueles xeriátricos obtidos mediante concesión da Administración.