Usuarias e familiares de residencias de maiores querelaranse contra DomusVi

Entrada da residencia de DomusVi San Lázaro, en Santiago (Imaxe: Arxina)
Preparan unha demanda colectiva pola vía civil e outras pola penal.

"As familias están moi doídas, pero ao mesmo tempo tamén moi enfadadas. Dentro da desgraza, cremos que a xestión dos contaxios nas residencias podería ter sido diferente". Quen fala é Xosé Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna e secretario de REDE, a plataforma que agrupa usuarias e familiares de usuarias dos centros residenciais galegos.

Co apoio de Acouga, a Asociación Galega de Consumidores e Usuarios, as integrantes de REDE están a preparar unha denuncia colectiva contra a xestión das residencias propiedade de DomusVi durante a pandemia do coronavirus. "Paralelamente, presentaranse denuncias por casos concretos rexistrados nos centros de Matogrande, na Coruña, O Barreiro, en Vigo, e Aldán, en Cangas", concreta o avogado e membro de Acouga Xoán Antón Pérez-Lema.

Os centros residenciais galegos suman case a metade dos falecementos relacionados coa COVID-19 no país, un total de 272 mulleres e homes residentes. As denuncias que artellan colectivos de usuarias e familiares de usuarias das residencias de maiores e da dependencia, agrupadas na federación REDE, diríxense principalmente as que máis casos rexistraron.

"As asociacións viron que as residencias arredor das que se crearan foron tamén as que acumularon máis contaxios e máis mortes. Foi un cúmulo de acontecementos que pensamos que se poderían ter evitado", apunta Bernárdez Solla, sinalando aos centros da multinacional DomusVi.

Dous dos tres centros residenciais intervidos pola Xunta da Galiza durante a pandemia están xestionados por esta compañía: a do Barreiro, no concello de Vigo, e a de Aldán, en Cangas. Dúas nas que se centran ademais as demandas penais que prepara REDE co apoio de Acouga.

A emerxencia sanitaria nos centros

Na Galiza, DomusVi é titular ou xestiona un total de 30 centros de maiores ou persoas dependentes. O 15 de abril, cun total de 833 casos detectados da COVID-19 en residentes, os seus centros en Matogrande, O Barreiro, Aldán e San Lázaro sumaban 281 usuarias contaxiadas. Tamén 80 profesionais das súas instalacións deran positivo.

 REDE asegura, así mesmo, que a cifra de decesos relacionados co coronavirus nestas residencias é maior da informada pola Xunta. Cifran en 54 os falecementos no centro de San Lázaro, e non 22, e que as do Barreiro e Aldán suman 56 "e non 32 como indican as fontes oficiais".

Bernárdez Solla acusa a compañía de non contratar máis persoal "para aforrar cartos". "As traballadoras, sen dúbida, fixeron todo o que puideron. As que non enfermaron e recibiron a baixa dérono todo e o noso agradecemento vai para elas. Do que nos queixamos é da empresa", di.

Coa dor recente e no medio do proceso de dó, as familiares tratan de recompilar todas as testemuñas posíbeis de cara a cursar as denuncias nos xulgados.

"A liña máis urxente son as denuncias penais contra entidades xestoras e directivos destas residencias e, nalgún caso, responsábeis da Administración ou altos cargos da Xunta que puideran ser responsábeis por pasividade ou por neglixencia activa ou pasiva", expón Xoán Antón Pérez-Lema, apuntando que as denuncias serán cursadas, presumibelmente, esta semana.