Social

Familiares da residencia Domus Vi San Lázaro requiren a "urxente intervención" da Xunta após 15 falecementos

Exterior da residencia San Lázaro (Domus Vi).
A asociación de familiares da residencia Domus Vi San Lázaro de Compostela consideran que o Goberno galego e a dirección do centro son "resposábeis subsidiarias" do que ocorra. 

A asociación de familiares da residencia Domus Vi San Lázaro, ubicada en Compostela, solicita a "urxente intervención" da Xunta da Galiza no centro de maiores após coñecer cinco novos falecementos, que fan un total de 15 falecementos; 14 segundo os datos oficiais, que non contan a unha muller que faleceu xa na residencia integrada Porta do Camiño pero que viña do centro de San Lázaro.

Reclaman a intervención do Goberno galego "para salvagardar no que se poida ás residentes e traballadoras que aínda sexan negativo" en coronavirus, pois salientan que "o número de positivos (85 usuarias e 30 traballadoras) é o suficientemente elevado para tomar esa decisión". 

"A que está agardando a Xunta? Xa hai 130 persoas contaxiadas en total neste centro", denuncian familiares desta asociación, que forma parte de REDE, a Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Residencias e na Dependencia, en declaracións a Nós Diario.

"Isto sábese porque teñen familiares fóra que se preocupan por eles, que pasaría se non estivésemos nós? Intervir a residencia é velar por eles. A Administración ten que salvar vidas e evitar máis contaxios", asevera este familiar a Nós Diario.

A situación nas residencias para a terceira idade no país vai empeorando e a Inspección da Seguridade Social xa instou a Xunta a realizar probas da COVID-19 a todas as usuarias e traballadoras dos centros nos que haxa un caso. O presidente galego está chamado por toda a oposición a dar conta da realidade que se está a vivir nestes centros diante da Deputación Permanente no Parlamento e, mentres, as cifras desta terza feira da Consellaría de Política Social apuntan a 689 contaxiados entre as residentes e 246 entre o persoal. 

Responsabilidade da Xunta

Esta asociación de familiares das residentes na Domus Vi San Lázaro considera "responsábel subsidiaria" á Xunta e mais á dirección do centro "de todo o que ocorra se non se produce esa intervención". 

"O problema é Domus Vi, en Compostela só hai contaxios nas dúas residencias desta empresa", aseguran familiares da residencia San Lázaro a Nós Diario, que destacan que "todo é culpa da mala xestión, a precariedade e a falla de medios"

Neste sentido, estas mesas fontes sinalan que hai traballadoras desta empresa que están sendo "amedrentadas" con "ameazas" para que non conten o que están a ver dentro das residencias. "As traballadoras non teñen culpa, se non teñen medios non poden facer", apuntan a Nós Diario estes familiares que xa realizaron varias peticións á Consellaría de Política Social para que tome medidas ante a neglixencia da empresa, que ten unha concesión pública. 

"Din que teñen a residencia tutelada, pero que significa iso? Que lles informan dúas veces ao día do número de mortos?", critican desde a asociación da residencia de San Lázaro, que lembran que "a situación de precariedade" existía antes da crise do coronavirus e que despois disto haberá que "facer as cousas doutra maneira".