DomusVi busca en portais de emprego “estudantes de Medicina sen experiencia” para San Lázaro.

Oferta de emprego de DomusVi pedindo estudantes de Medicina sen experiencia (Foto: Nós Diario).

Martiño Noriega, concelleiro de Compostela Aberta e ex alcalde de Santiago, denuncia a situación nas súas redes sociais e esixe o seu “control público”.

A empresa DomusVi, responsábel en Compostela das residencias de San Lázaro e de Pontepedriña, que acumulan 17 mortes e máis de 150 persoas infectadas entre residentes e traballadoras, está buscando en portais de emprego para o primeiro dos centros “estudantes de sexto de Medicina sen experiencia” e licenciados cun ano de experiencia.

Así o denunciou nas súas redes sociais o ex alcalde de Santiago e portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega, que clama polo “control público” das dúas residencias que DomusVi xestiona na capital da Galiza.

“A necesaria cooperación institucional non debe confundirse co silencio e a submisión. O alcalde Bugallo non debe poñerse de perfil e ten que esixirlle ao presidente da Xunta que interveña as residencias de San Lázaro e Pontepedriña xestionada polas empresas DomusVi”, sinala.

O concelleiro considera que a dimensión “do drama que estamos a vivir” nesas dúas residencias “forma parte dun modelo privatizado que privilexiou o lucro por enriba da calidade asistencial”.

“Toca, polo tanto, esixir a medicalización das residenciase o seu control público, o mesmo que se fixo noutras partes do país, como en Vigo e Cangas, en residencias tamén xestionadas por esta mesma empresa”, conclue.