"Que nos devolvan o roubado. Franquismo nunca máis", rezaba a outra das faixas despregadas durante este acto simbólico.
O BNG convocou de urxencia unha concentración de apoio a esta acción realizada por "activistas da memoria histórica" e entre os que figuraban destacados militantes da formación frentista como Bieito Lobeira, Rubén Cela e Néstor Rego.
Rego, nun vídeo ao que tivo acceso Sermos, presentou o acto como unha "ocupación" do Pazo de Meirás por parte dun "grupo de galegas e galegos, de demócratas, de patriotas, de nacionalistas". Trataríase dunha "acción simbólica" para "reclamar que definitivamente este Pazo volte ao pobo galego". Hai que acabar coa "ignominia" que supón que 80 anos despois de o pazo "ser espoliado ás veciñas e aos veciños por medio da coacción, por medio do terror" o imóbel continúe a ser propiedade da familia Franco.
O pazo debe voltar a ser "patrimonio público do pobo galego". "Non ten ningún sentido esta continuidade da propiedade na familia Franco. Carece de toda decencia democrática que sexa xestionado por unha Fundación como a Francisco Franco que debería ser ilegal, mais que é legal e que con recursos públicos fai apoloxía do fascismo, do franquismo e da ditadura", dixo Rego. "Decidímonos a actuar para o conxunto da sociedade galega ser consciente de que hai que acentuar a demanda democrática, de decencia mínima democrática, de que o Pazo de Meirás volte ao pobo galego", acrecentou.
🔴 URXENTE. Activistas da memoria histórica fan ocupación simbólica de Meirás. Concentración de apoio diante do pazo para esixir a devolución pic.twitter.com/o1ApEo5ght
— BNG (@obloque) 30 agosto 2017
#OPazoÉdoPobo é a etiqueta posta en circulación en twitter para reforzar a "conquista" simbólica do Pazo, en expresión utilizada por @obloque.