O patrimonio en comunidade pode asentar poboación no rural

Óscar Penín nunha visita guiada a Ouvigo (Os Blancos), unha das aldeas máis antigas da Galiza (Foto: Óscar Penín).
Un curso virtual coa participación do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo e o proxecto europeo 'rurAllure'   facilita realizar proxectos en aldeas.

O patrimonio, comprendido como un conxunto de elementos materiais e inmateriais, podería asentar poboación no rural galego. Con esta idea traballa o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo e o proxecto europeo 'rurAllure' que puxeron en marcha este mes un curso sobre proxectos de socialización de memorias e patrimonios no medio rural.

Gratuíto e en liña a través da web ruralisto.org, a iniciativa vai máis alá do achegamento ás ferramentas básicas de emprendemento e propón a posta en marcha doutras oportunidades para as comunidades con pouca poboación. 

Co seu lanzamento culmina un traballo de case unha década, desde que a Universidade de Vigo, a rede Iberoamericana de Socialización do Patrimonio (SOPA) e a Asociación Cultural A Bela Auria de Ourense reuniran máis de 200 investigadoras e investigadores alá polo ano 2014 no congreso internacional  SOPA que tivo lugar no municipio de Celanova.

O acceso aos contidos do curso, con material audiovisual propio, iniciouse o pasado día 19 de xaneiro e estará aberto até mediados de febreiro.

Iniciativas sempre “en comunidade”

Segundo explica a Nós Diario o investigador do GEAAT, responsábel da iniciativa e de ruralisto.org, Óscar Penín, no proxecto traballan cunha idea de patrimonio “diversa e diferente ao que son os canons habituais máis académicos” ao introducir o elemento “de comunidade”. Neste sentido, priorizan os aspectos que a propia poboación local de cada lugar considera que é patrimonio.

“Falamos de elementos que están tamén no campo da emotividade, por exemplo, as airas onde se reunían no seu momento para sociabilizar”, sinala este arqueólogo galego.

Para fixar poboación e xerar economía é fundamental, segundo Penín, que interveña “a colaboración e a creación de comunidade” ademais de “valorar o seu”.

O seguinte paso consistiría en “lanzar iniciativas, por exemplo, nos eidos agroambientais ou turísticos, sempre coa vantaxe de que non producirán o impacto negativo que ás veces teñen”, apunta o investigador, “sen esquecer que hai que recuperar o concepto alegría, un factor que desde  sempre estivo ligado ao propio campo”, engade.   

Facilidades e dificultades

Penín asegura que para emprender no rural “os procesos non poden ser alóctonos, ten que haber querenza na propia comunidade local e romper a barreira entre o estraño e o habitante local de moitos anos”. Porén, pensa que unha vez “traspasado” ese chanzo “hai moitas ganas de construír e moita xente con proxectosantes”.

Asegura que é "un momento moi doce" neste aspecto e pon como exemplos, nesa liña, de iniciativas que levan varios anos funcionando na Galiza, como a Arca da Noe en Vilar de Santos ou a cooperativa Outonía no municipio da Veiga. 

Un dos apartados importantes do curso tratará do acceso ao financiamento e neste sentido, Penín lembra que “durante moitos anos nos programas de axudas non se tivo en conta algo tan básico como que os concellos pequenos teñen máis dificultades neste eido, mais agora téntase solucionar”.

É o caso das axudas europeas “que agora teñen como obxectivo prioritario o desenvolvemento rural en diferentes aspectos”.