O DEBATE | É útil prohibir o acceso ás redes sociais ás persoas menores de 16 anos?
Marta Torre. Creadora de contidos dixitais
Son as redes sociais perigosas? Non o dubide. Están deseñadas concretamente para ser aditivas e para favorecer un uso compulsivo. O que procuran é maximizar o tempo de permanencia mediante variadas e complexas técnicas e métodos para manter a atención, para 'enganchar'. Cando estas técnicas prexudican a saúde mental, ou facilitan a manipulación ou xa directamente entran en efectos prexudicias sobre os menores, a resposta non debería pasar por castigar o usuario, senón o responsábel do sistema. Prohibir as redes non dá aos mozos as competencias que necesitan para relacionarse de forma saudábel con elas. O decisivo non debe de ser prohibir, senón como e para que se utiliza a rede. Un exemplo son os estados con maior alfabetización dixital, onde o uso é cada vez maior ao tempo que hai tamén maior concienciación sobre os seus riscos e problemas. No canto de impulsar, incentivar e deseñar prohibicións e restricións totais, deberíase avanzar en como presionar as empresas e as compañías que están detrás das redes sociais para forzalas a adoptar estándares razoablemente éticos no desenvolvemento dos seus produtos, e para protexer uns menores que, a realidade é a realidade, terminarán utilizándoas en moitos aspectos da súa vida. As solucións radicais e extremas non adoitan ser acertadas. É mellor traballar por solucións baseadas na educación e tamén no control de quen son realmente responsables dos problemas que sofren os mozos nas redes sociais. Ten moito máis sentido que prohibir. Nada disto exime as empresas propietarias das plataformas da súa culpa, por suposto.
A prioridade é formar criterio, non fechar os menores en burbullas, illados dunha realidade que existe e coa que deberán de tratar ao longo da súa vida. Regular non é nin debería ser só prohibir. Isto debe de coexistir co dereito dos menores para estar conectados, a aprender a empregar as redes sociais e o universo dixital, e a adestrarse para pensar criticamente sobre o que atopan nel. Prohibir as redes sociais aos menores é un remedio fácil mais que non é a solución. Educalos, e sobre todo, poñer couto á irresponsabilidade corporativa que hoxe domina o deseño das plataformas é bastante máis complexo, pero é tamén a única vía sensata. As redes sociais son perigosas porque quen as deseña e dirixe elixiron un modelo de negocio nocivo. Corrixir iso esixe leis valentes e métodos adecuados, pero tamén usuarios con criterios e coñecemento. Os expertos consideran que a pedagoxía é imprescindible. As leis por si soas nunca serán suficientes. A regulación debe ir acompañada por unha educación sólida para dotar a mozos e as súas familias de armas eficaces fronte aos novos desafíos, que non son poucos, como os vídeos fake xerados por intelixencia artificial (IA).
E aínda hai unha cuestión máis que hai que ter en conta neste debate. Unha cousa é prohibir nunha lei o acceso e uso de redes sociais e incluso obrigar as plataformas a adoptar as medidas tecnolóxicas necesarias para impedilo, incluso baixo a ameaza de graves sancións —cousa que xa fan as normas da Unión Europea— e outra cousa moi distinta é que actualmente exista a tecnoloxía para impedilo eficazmente, sen vulnerar os dereitos de (todos) os usuarios.
A que agardamos?
Belén Campos. Educadora infantil e pedagoga
Doce estados, incluído o español, son favorables a fixar unha idade mínima para o acceso a redes e sistema de verificación común na Unión Europea. Así o expresaron de novo o pasado día 6 de xuño en Luxemburgo, nunha xuntanza dos ministros de Telecomunicacións da UE. A ministra de Dixitalización de Dinamarca, cuxo país avoga por estabelecer a idade mínima nos 16 anos, asegurou que este será un dos obxectivos da Presidencia danesa. A ministra delegada francesa de Intelixencia Artificial e Dixitalización, Clara Chappaz, que valora prohibir as redes sociais a menores de 16 anos, sinalou que "non é válido" que un menor poida seleccionar a súa data de nacemento para abrir unha conta, sen que exista un maior control. Na mesma liña, o ministro grego de Gobernanza Dixital, cuxo país tamén avoga por fixar o límite nos 16 anos, dixo que "é moi importante que se introduza este límite para que poidamos salvar á próxima xeración de nenos".
A Comisión Europea opúxose esta semana á idea de prohibir a nivel europeo as redes sociais aos menores de idade mais deixou vía libre aos países da UE para que o fagan a nivel estatal. A idea de fixar unha idade mínima para acceso ás redes sociais e dispositivos análogos é ampla e cada vez máis compartida. Australia aprobou o ano pasado unha contundente medida para que as persoas de menos de 16 anos non poidan usar as redes sociais, algo que está debaténdose tamén en Nova Zelanda ou Texas (Estados Unidos). Sabemos que plataformas como TikTok, Instagram ou Snapchat captan usuarios desde os 8 ou 9 anos con total impunidade. É certo que para crear unha conta pregúntasenos pola idade, pero é tan sinxelo como poñer un ano de nacemento válido para que o proceso siga adiante. Con todo, a presión por parte de psicólogos, asociacións de pais ou reguladores, sumado a escándalos de saúde mental en adolescentes, está a facer reaccionar os Gobernos. Actualmente, o Regulamento Xeral de Protección de Datos permite que cada Estado estabeleza a súa propia idade mínima de consentimento dixital, entre os 13 e os 16 anos. En España elévase de 14 a 16 anos, mentres que noutros é máis baixa. Esta falta de consenso fai que sexa necesaria unha lexislación unitaria, máis dura sobre a idade e medidas para que se cumpran.
Hai un dato que merece unha reflexión do conxunto da sociedade: a primeira causa na actualidade de petición de axuda das familias en saúde mental para menores de idade, mozos e mozas, está relacionada coa tecnoloxía. Non deberiamos afrontar este debate con medo a palabras como prohibición e as medidas que iso debería de implicar. As medidas de prohibición están no día a día dunha sociedade civilizada e en moitas cuestións supuxeron avances clarificadores. A primeira vez na historia en que diminuíu a porcentaxe de adolescentes fumadores no Estado español foi en 2009, un ano despois de que se aprobase a lei antitabaco. Marc Masip, psicólogo e experto en adicción ás novas tecnoloxías, ten reflexionado a este respecto. Cando houbo menos mortes por accidentes de moto? Cando se obrigou a ir con casco. Cal é a primeira causa de accidentes actual? O móbil. Cal era antes? O cinto e a velocidade. Logo foi o alcol. Todo se regulou con prohibicións
As redes sociais son aditivas e un risco para os máis novos e novas. Deberían adoptarse de inmediato medidas máis restritivas.