A cita é este sábado, na Casa da Aldea, en Cursicada (Arzúa). Alí desenvolverase o Foro 'O rural galego entende. Faite ver'. Falamos con Ángel Amaro, un dos responsábeis deste encontro organizado polo Sindicato Labrego Galego (SLG).
- Por que existe e está tan estendida esa idea de LGTBI e rural como antagónicos?
- É certo, existe a idea que que as cuestións LGTBI [Lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais] son alleas ás dinámicas do rural. Neste Foro queremos afondar nesa visión do ámbito urbanita que sempre tentou que a cuestión LGTBI fose asociada a homes, brancos, occidentais e grandes cidades. Que quer construír a identidade LGTBI en torno ao consumismo e ás cidades. Isto é un discurso que existe e vemos como haiactivismos LGTBI están ancorados nesta visión androcéntrica, urbanita, allea ao rural. A isto engádese que hai unha serie de estereotipos cara ao rural que incompatibilizan o ser LGTBI con ser rural.
Se ti dis que es LGTBI e que es do rural, e que ademais es campesiño, falas galego, que non entras no consumo do ‘merchandising’ LGTBI, negas esas ideas básicas que o sistema capitalista fornece sobre o que é LGTBI.
- Hai en Galiza fenda entre rural e cidade no que atinxe o LGTBI?
É certo que en Galiza aínda hai algúns espazos rurais que son bastante antagónicos á dinámica urbana mais creo que gran parte do que no noso país hai a nivel rural é o que poderiamos chamar rururbano ou periurbano, co que finalmente xente LGTBI do rural estamos vencellados coas cidades, facemos activismo entre rural e cidade... Hai como unha impronta rural mais o rural está sufrindo desde hai tempo abandono, emigración, avellentamento... Por iso é difícil atopar xente LGTBI que non estea vinculada á cidade.
- Calquera lugar do rural galego ten unha cidade ou vila grande relativamente perto...
O que nós queremos poñer en valor é que hai uns vínculos rurais, que hai unha praxe, unha cultura que vai polo camiño do decrecemento, do non consumismo, de vencellos comunitarios. A cultura do común. Non se trata de poñelo como idílico (ri) mais este tipo de cuestións están máis vivas no espazo rural que no urbano.
- O Foro contará coa presenza de activistas de diferentes lugares e cun programa que transcende o que é exclusivamenmte a ‘cuestión’ LGTBI...
Cando dicimos que este foro é pioneiro en Europa non o dicimos no sentido de que é a primeira acción deste movemento no rural, xa se fixeron outras antes, e en Galiza. O que é pioneiro é que un sindicato agrario faga unhas xornadas así e que asuma este Foro. Van vir representantes de Vía Campesiña falar de como se introduce a cuestión LGTBI no movemento internacional, estará unha compañeira do ámbito rural vasco que nos explicará os debates que se están a dar alí; unha compañeira de Catalunya falaranos de como está a cuestión LGTBI na axenda catalá. Neste sentido, o enfoque é pioneiro, mesmo poderiamos dicir que a nivel europeo.
- A este Foro ides cunha serie de obxectivos ou tarefas que queredes facer...
- Temos cinco obxectivos principais, por chamarlles así: socializar a idea de que o rural é diverso, que ten vida e futuro é un deles. Outra é visibilizar as posibilidades que ten o rural para proxectos populares e para os activismos. Máis un obxectivo é desurbanizar a axenda LGTBI, así como tecer alianzas estratéxicas entre sindicatos agrarios, ecoloxistas e LGTBI. A soberanía alimentar, o agroecoloxismo, é outra das cuestións con presenza neste Foro.
Queremos rachar con esa dinámica de quen di son activista LGTBI e non saio de aí. Nós tratamos de poñer en valor a intersección de activismos, non esquecer que ademais de LGTBI somos rurais, somos galegas, que temos unha lingua propia, un vínculo comunitario coa terra, que temos inquedanzas polo noso entorno.Non é simplemente: “Son gay e xa está”. Non, está todo vinculado, non debemos afastar a cuestión sexual da cultural, da ecolóxica, etc...
- Foi historicamente a Galiza rural máis permisiva coa homosexualidade que as cidades?
Eu teño unha opinión persoal ao respecto, pero é un tema no que hai un debate moi aberto e no que hai diferentes relatos. No rural, mesmo na ditadura, había moitos máis espazos de fuga que na cidade. Por ese vínculo comunitario e tamén porque o poder en certo sentido o deixou de lado. No rural había máis espazos onde non había tanto control: foliadas, por exemplo.
A priori preséntasenos o rural como un sitio onde hai moita máis represión sexual mais non é certo. Carlos Callón ten un libro no que fala de dous homes que casaran no século XI. Cando se fala de Elisa e Marcela [mulleres que casaron en 1901] non se fai fincapé abondo en que eran mestras en espazos rurais. Sempre houbo esa pegada LGTB no rural galego e hai veces como que se pretende facer caricatura con esta cuestión, dicindo que nunca houbo prácticas sexuais alternativas á heterosexual. E iso é mentira, sempre as houbo. Ao pouco que rastrees, ves a pegada.
- Por que acudir a este Foro?-
- Vai ser un punto de encontro pioneiro, onde entre todas imos facer alianzas e ver que se pode facer para que na Galiza do século XXI no rural haxa cada vez máis sexodiversidade e que a cuestión LGTBI se sume tamén a facer un rural vivo e diverso.