As panxoliñas, a adiviñanza e o lume novo caracterizan o Fin de Ano galego

O lume novo é unha fogueira que se prende o 1 de xaneiro para o bo comezo do ano. (Foto: Nós Diario)
Durante o Nadal, os defuntos e as ánimas tamén están moi presentes na cultura do país

A festa de Aninovo é habitualmente coñecida polas 12 uvas que se comen, unha por cada mes, para ter sorte no ano que entra. Porén, na Galiza existen outras moitas tradicións propias destes días e que hoxe resulta pertinente recuperar. Nós Diario conversa co antropólogo Rafael Quintiá para coñecer cales son os ritos máis habituais propios do país durante estas datas.

O antropólogo Rafael Quintiá explica a Nós Diario que a celebración de Fin de Ano está moi asociada coas bruxas e cos defuntos; “na San Silvestre, meigas fóra!”. Se ben resulta común relacionar os tempos das ánimas co Samaín e o Día de Defuntos, na tradición galega as noites típicas dos mortos son San Xoán e Fin de Ano. “Os defuntos chegan o primeiro de novembro e quedan con nós todo o período da invernía”, indica Quintiá. 

Así, é típico que nas familias galegas non se recolla a mesa despois da cea de Noiteboa e Aninovo para que as ánimas aproveiten os restos. Nesta liña, o remate do ano tamén supón un momento propicio para a adiviñación e os oráculos co obxectivo de velar por un ano próspero. “Isto é habitual nas datas liminares, é dicir, que supoñen a fin dun período”, engade Quintiá.

As sortes e resortes

Por este motivo, en moitos lugares do país mídense ‘as sortes e os resortes’, “un rito que busca predicir o tempo [climático] que vai facer durante o resto do ano que entra”. Esta tradición comeza coas ‘sortes’ nas que a meteoroloxía do primeiro de xaneiro correspondería á do resto do mes; a do segundo día condicionaría o tempo de febreiro; a do terceiro, a de marzo, e así de forma consecutiva até chegar ao día 12. Para contrastar as medicións obtidas, lévanse a cabo as ‘resortes’, nas que se realiza o mesmo proceso nos seguintes 12 días: o 13 marcaría o tempo de xaneiro, o día 14 o de febreiro, e así até decembro. “O que non sabería dicir é que pasa se as sortes e as resortes non coinciden!”, apunta Quintiá.

Outra tradición da época de Fin de Ano é a do lume novo, unha fogueira que se prende o día 1 de xaneiro “como arranque do ano”. Segundo explica o antropólogo, este rito ten que ver co tizón de Nadal, que se acende en Noiteboa na lareira do fogar e cuxas as brasas se manteñen até o comezo do seguinte ano, como símbolo de destrución do vello para dar paso ao novo. De feito, nalgúns lugares o tizón de Nadal tamén se denomina lume novo. “A Igrexa levou [este rito] á esfera do cristianismo e volve facer o lume novo o venres santo nas portas das igrexas”, engade Quintiá.

Nestas datas tamén son comúns as panxoliñas. “Durante o ciclo de Nadal, mozos e mozas saen cantar pola aldea”, indica Quintiá, principalmente nos días 24 de decembro, 1 de xaneiro, e Reis. As panxoliñas de comezo do ano, tamén chamadas aninovos, anibóns ou xaneiras, dedican os cantos aos Manueis, que tamén resulta outra das denominacións habituais destas coplas. A música tamén acompaña ás elaboracións das máscaras de invernía, que atopan o seu momento álxido nas festas do Entroido, “a gran mascarada que pecha o ciclo”.

Noutro tempo tamén era tradición que nestas datas a mocidade das aldeas fixese unha especie de poxa na que se creaban parellas a sorte para facilitar as relacións e crear novas parellas. Estes ritos, indica Quintiá, foron desaparecendo a medida que a sociedade foi cambiando; “agora hai outras formas de socializar”. “A propia evolución social leva implícito que certas prácticas rituais vaian desaparecendo”, engade.

Porén, a perda das tradicións non se xustifica unicamente polo cambio de contexto social senón que, en moitas ocasións, experiméntase un proceso de aculturación no que se impoñen costumes foráneas a costa de perder as prácticas culturais propias, “que teñen tanto valor e importancia como as externas”, afirma o antropólogo, que exemplifica esta situación coa festa do Halloween.

Con todo, moitos costumes non se perden, senón que se transforman. O rito da adiviñación e da busca da sorte en Aninovo aínda está presente na sociedade actual, pero reconducido e modificado a través da crenza de que pór unha prenda vermella ou meter unha xoia de ouro na copa, fará que o ano que entra sexa bo. “Beben da mesma idea”, conclúe Quintiá.