A proximidade da Noiteboa tira do prezo dos alimentos

O marisco lidera as subas de prezo a un mes das celebracións de Nadal, seguido da carne e o peixe
Peixes e mariscos están entre os produtos máis demandados (Foto: Nós Diario).
photo_camera Peixes e mariscos están entre os produtos máis demandados (Foto: Nós Diario).

As angulas, as ameixas, as ostras, o año e o ollomol son os alimentos que máis encareceron os seus prezos de cara ao Nadal, con subas históricas, mentres que os percebes, a pescada, a pularda e a tenreira foron os que máis baixaron as súas cotizacións, segundo o observatorio de prezos da Organización de Consumidores e Usuarios (ONU).

En concreto, as angulas son o produto que máis subiu (53%), seguidas das ameixas (36%), as ostras (28%), o año (22%) e o ollomol (15%), indica OCU, que precisa que ningún deles estivera nunca tan caro. No lado contrario sitúanse os percebes (-27%), a pescada (-16%), a pularda (-6%) e a tenreira (-5%).

Outros produtos, como os lagostinos, o xamón ibérico ou a lombarda apenas variaron os seus prezos respecto ao ano pasado por estas datas.

Neste primeiro control de prezos ─a OCU prevé facer tres─, a actual suba supón un récord histórico e alcanza 8% de incremento de media respecto aos datos recollidos nestas mesmas datas do ano pasado.

Este primeiro estudo recolle os prezos un mes antes do Nadal, pero tamén se recollerán despois da ponte de decembro e o terceiro control será nos días previos á Noiteboa.

Previsión e alternativas

Para aqueles consumidores que queiran evitar as subas típicas de Nadal, a organización de persoas consumidoras recomenda adiantar as compras ou substituír os produtos máis caros por outros alternativos máis económicos, que aínda que teñan menos demanda nestas datas poden resultar igual de interesantes desde o punto de vista nutricional.

Este ano súmase o feito de que a inflación está disparada, polo que as familias terán que examinar os prezos aínda máis. A previsión é que o gasto medio por persoa se sitúe nos 641 euros, con agasallos e comidas levando a maior parte.

Comentarios