A metade dos pensionistas galegos cobra menos de 757 euros

Dúas persoas camiñan polas Gándaras, en Lugo. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
A pensión media na Galiza é de 988,4 euros, aínda que con diferenzas evidentes segundo os territorios.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar os datos sobre as pensións contributivas da Seguridade Social na Galiza, con rexistros de 2020.

Nese ano, había no noso país 669.074 pensionistas, dos que 50% cobraban unha cantidade inferior a 757 euros; 10% conta cunha pensión media inferior a 490,6 euros.

A pensión media na Galiza é de 988,4 euros, aínda que con diferenzas evidentes segundo os territorios. Así, as comarcas pontevedresas e coruñesas contan cunha pensión media superior a 1.000 euros, mentres que no outro extremo atópanse as comarcas ourensás, cunha pensión media de 870 euros.

Por franxas de idade, 80,5% das persoas que perciben pensións contributivas teñen 65 ou máis anos. O grupo de idade máis frecuente é o de 65 a 74 anos, tanto no caso dos homes (127.878 persoas) como no das mulleres (107.209 persoas).

Pensións por concellos

Por concellos, As Pontes é o que rexistrou o importe medio por pensionista máis alto en 2020, con 1.488,9 euros. Ségueno Fene (1.318,7 euros), Cervo (1.264,8 euros), e Ferrol (1.252,9 euros).

No outro extremo, Avión é o municipio cos pensionistas que reciben un importe medio máis baixo (622,2 euros). A continuación atópanse Quintela de Leirado (664,1 euros), Santa Comba (666,5 euros), Sarreaus (671,6 euros) e Padrenda (674,8 euros).

Nas sete cidades a media das pensións é superior á media galega. Ferrol, A Coruña e Vigo son as cidades con maior media, ao superarse os 1.182 euros. Por contra, Ourense, con 1.018 euros, pecha a lista.