Descenden os apoios a unha intervención da OTAN en Ucraína

Os habitantes das cidades bombardeadas intentan recuperar pouco a pouco a normalidade. (Foto: Bruno Amaral de Carvalho)
O barómetro do CIS de abril reflicte unha considerábel caída da porcentaxe de persoas favorábeis a unha intervención militar neste país, ao tempo que baixan os apoios á integración de Ucraína na OTAN.

O barómetro correspondente ao mes de abril que esta cuarta feira publicou o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) reflicte unha considerábel caída dos apoios a unha hipotética intervención militar da OTAN en Ucraína.

A posibilidade de que a Alianza participe de forma directa da guerra apóiana 44,9% das persoas enquisadas no conxunto do Estado español, mentres en marzo a porcentaxe ascendía a 51,9%.

A este respecto, 43,4% di estar "bastante" ou "moi" en desacordo cunha intervención militar da OTAN, fronte a 35,4% de marzo.

Tamén descende en abril, malia que en menor medida, o número de persoas favorábeis ao envío de armamento a Ucraína por parte da OTAN, pasando de 70,9% a 70,3%, así como o apoio á entrada deste país na Alianza se así o solicita, do 84,7% de marzo ao 77,1%, sete puntos menos.

Porén, no barómetro de abril practicamente fica intacto o consenso sobre a posición que mantén a OTAN no conflito, cunha porcentaxe de apoios de 36,5% —só unha décima menos que o pasado mes—.

Catro de cada dez persoas (40,4%) tamén está de acordo coas medidas adoptadas polo Goberno español —sete décimas menos—, e 41,3% apoia as decisións da Unión Europea —medran as opinións favorábeis, cinco puntos máis que en marzo—.

Os partidos nacionalistas, menos partidarios de enviar armas

Cómpre lembrar que, segundo unha enquisa publicada por Electomanía o pasado marzo, o electorado das forzas soberanistas é o menos partidario do envío de material militar ofensivo a Ucraína.

Desta enquisa extraíase que case dous de cada tres votantes do BNG (65,8%) non apoian o envío de armas, sendo, deste modo, a segunda maior porcentaxe de rexeitamento desta medida, por detrás de EH Bildu (71,9%).

Aliás, 17,5% dos votantes do Bloque que participaron da enquisa non teñen unha idea clara ao respecto, a segunda maior porcentaxe de indecisión tras o electorado da CUP (20%). E o 16,7% restante do electorado nacionalista da Galiza si sería favorábel ao envío de armas.

No conxunto do Estado español sete de cada dez persoas (70,4%) está a favor do envío de armas, fronte a 24,6% que é contrario e 5% que non sabe ou non contesta.