Galegos, vascos, navarros, canarios e cataláns non se alistarían para defender España

Unha enquisa de 'Electomanía' revela un rexeitamento maioritario a participar dunha guerra para defender o Estado español nestes cinco territorios, mentres nos demais é maioritario o 'si' a tomar as armas.
O rei Felipe VI no desfile militar do pasado 12 de outubro (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O rei Felipe VI no desfile militar do pasado 12 de outubro (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O portal Electomanía fixo pública esta cuarta feira unha enquisa —con 2.203 respostas recollidas no conxunto do Estado español— coa seguinte pregunta: "Se estoupase un conflito bélico entre España e outro país, cunha invasión do territorio español, estaría disposto a alistarse para loitar?".

A nivel estatal son máis as persoas, aínda que por unha axustada vantaxe, que rexeitan esta opción (43,7%), fronte as que si estarían dispostas a tomar as armas (42%), mentres 14,3% restante di non ter clara a súa posición.

Porén, só a cidadanía de cinco territorios manifesta un rexeitamento maioritario a responder unha eventual chamada do Exército español: Canarias, Catalunya, Euskadi, Galiza e Nafarroa.

No resto do Estado vence o 'si', salientando especialmente o caso de Murcia, con 55,2% dos habitantes a favor de alistarse nas Forzas Armadas nese suposto.

Se ben Electomanía non debulla os datos do conxunto da Galiza, os resultados por circunscrición son os seguintes no país: en Pontevedra, 47,3% vota 'non' e 36,5% si; na Coruña, 46,5% en contra e 37,3% a favor; en Lugo, 43,4% votos negativos e 40,6% positivos, e en Ourense, 42,5% desfavorábeis e 41,5% favorábeis. As porcentaxes restantes en cada caso corresponden á resposta "non sabe, non contesta".

No que atinxe ao electorado de cada formación política, o 'non' é maioritario entre as persoas votantes de BNG (68,4%), Unidas Podemos (70,3%), Máis País (59,6%), PSOE (59,3%), PNV (62,7%), EH Bildu (80,5%), CUP (94,2%), Junts (84%), ERC (83,9%), Coalición Canaria (90%), Teruel Existe (51,2%) e PRC (63,6%).

Pola contra, apoia maioritariamente alistarse no Exército o electorado de Vox (79,9%), PP (60,9%), Ciudadanos (55,7%) e Navarra Suma (74,5%).

No caso das e dos votantes do Bloque, alén do rexeitamento maioritario, 20% do electorado afirma non ten clara a súa posición e só 11,6% tomaría as armas para defender o Estado español dunha invasión.

Comentarios