O votante do BNG, o menos partidario de enviar armas a Ucraína

Segundo unha enquisa de 'Electomanía', 65,8% dos votantes do Bloque non apoian o envío de armamento.
Ucraínos preparando a defensa da cidade de Lemberg (Foto: Pavlo Palamarchuk / SOPA Images).
photo_camera Ucraínos preparando a defensa da cidade de Lemberg (Foto: Pavlo Palamarchuk / SOPA Images).

O portal Electomanía vén de publicar unha enquisa, con 1.115 respostas recollidas entre o 4 e o 7 de marzo, a respecto da decisión do Goberno estatal de enviar armamento militar ofensivo a Ucraína.

Segundo os resultados que ofrece, no conxunto do Estado español sete de cada dez persoas (70,4%) está a favor do envío de armas, fronte a 24,6% que é contrario e 5% que non sabe ou non contesta.

Desta enquisa extráese, aliás, que case dous de cada tres votantes do BNG (65,8%) non apoian o envío de armamento ofensivo, sendo, deste modo, a segunda maior porcentaxe de rexeitamento desta medida, por detrás de EH Bildu (71,9%).

Aliás, 17,5% dos votantes do Bloque que participaron da enquisa non teñen unha idea clara ao respecto, sendo, deste modo, a segunda maior porcentaxe de indecisión tras o electorado da CUP (20%). E o 16,7% restante do electorado nacionalista da Galiza si é favorábel ao envío de armas.

O electorado de Unidas Podemos, cuxos dirixentes tampouco teñen unha posición única e firme ao respecto —Yolanda Díaz apoiou a medida e Ione Belarra e Pablo Echenique criticárona—, é o terceiro cunha maior porcentaxe de rexeitamento, con 57,8%, fronte a 30,3% que son favorábeis ao envío de armas e 11,9% de indecisos.

Pola súa parte, case nove de cada dez votantes do PSOE (87,9%) apoian a proposta do presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, mentres o maior apoio ao envío de armas chega de parte do electorado de PNV (97,8%), Ciudadanos (96,5%) e Geroa Bai (93,9%).

Comentarios