Máis de 85% da poboación do Estado español estaría a favor de regular os prezos dos combustíbeis

Mangueiras dunha gasolineira nunha imaxe de arquivo. (Foto: David Zorrakino/Europa Press)
Tres de cada catro persoas cre que hai sectores económicos e políticos que estiveron xerando alarma entre a poboación, alertando deses riscos de desabastecemento.

O Barómetro de Actualidade realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) que se publicou nesta sexta feira mostra que 85,5% da poboación do Estado español está a favor de que o Goberno estatal poña prezos máximos aos carburantes para aliviar os efectos da crise inflacionista das últimas semanas.

Para esta enquisa, complementaria dos barómetros mensuais e dos seus estudos sectoriais, o CIS realizou 2.420 entrevistas telefónicas entre os días 25 e 31 de marzo, cunha marxe de erro de máis/menos dous puntos.

Ante a pregunta de se o Goberno español debe pór prezos máximos aos carburantes para frear a escalada dos prezos, 85,5% móstrase a favor e só 8,4% maniféstase en contra.

Máis da metade, 56% aproximadamente, afirmou temer que a guerra en Ucraína vaia afectar á subministración de carburantes no Estado español.

 Deles, 91% cre que o Executivo de Pedro Sánchez debe tomar "medidas enérxicas" para garantilo. En fronte, 34,3% cre que a guerra non causará eses problemas.

Menos preocupación polos alimentos

Ao ser preguntados se a guerra provocará problemas de subministracións de alimentos e produtos de primeira necesidade, non existe unha resposta unánime, pois 47,1% teme que si e 44,3% non cre que poida ocorrer.

Neste sentido, entre quen cre que si haberá problemas, 84,6% entenden que o Goberno debería ser enérxico para asegurar as subministracións.

Outro dato a sinalar é que 3 de cada catro persoas, 76% opina que hai sectores económicos e políticos que estiveron xerando alarma entre a poboación, alertando deses riscos de desabastecemento. Só 19,3% non cre que existiran eses movementos.

Respecto ao recente paro de transportistas, máis da metade (53,3%) non percibiu riscos de desabastecemento, e mesmo 87,9% afirmou que non chegou a pensar en acumular produtos na casa.