Delegados de empresas de carburantes concéntranse fronte ao Parlamento "por unha transición xusta"

A CIG avoga pola reconversión das refinarías en bio-refinarías e a aposta nos bio-carburantes de segunda xeración, así como exixir das administracións públicas investimentos nas refinarías.
Protesta de delegados de empresas de carburantes esta quinta feira, fronte ao Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta de delegados de empresas de carburantes esta quinta feira, fronte ao Parlamento galego (Foto: Nós Diario).

Delegados de empresas como Masol, en Ferrol; Bioetanol Galicia, en Teixeiro, e a refinaría de Repsol na Coruña, así como outras pertencentes ao sector de carburantes e biocarburantes concentráronse esta quinta feira fronte ao Parlamento da Galiza en defensa dun plan galego no marco do proceso de descarbonización da economía.

Os manifestantes aproveitaron, segundo explicou a CIG nun comunicado, o debate que se celebraba esta quinta na Comisión 6ª de Industria e Enerxía dunha proposición non de lei do BNG para a elaboración do citado plan, a posta en marcha de alternativas de reindustrialización e creación de postos de traballo nos territorios afectados.

Na concentración coreáronse consignas como "Non hai transición sen investimento", "É demolición, non é transición" ou "Transición Galega Xusta". A respecto desta última, o delegado da CIG Armando Carril lembrou que en xuño de 2021 xa solicitaron tanto á Xunta como ao Ministerio de Transición Ecolóxica "que tivese en conta o sector galego de carburantes e biocarburantes para pór en marcha un Plan galego de Transición Enerxética sen obter, a día de hoxe, resposta".

Sobre este plan, a CIG lembrou algunhas das súas propostas como a reconversión das refinarías en bio-refinarías, a aposta nos bio-carburantes de segunda xeración, así como exixir das administracións públicas investimentos nas refinarías para poder levar a cabo a reconversión. "A situación actual está a xerar moita incerteza, xa que os biocarburantes dependen do cereal e o prezo dos combustíbeis tamén afecta as refinarías e, por tanto, engade máis incerteza á que tiñamos sobre a mesa", insiste.

É por isto que o delegado da CIG demandou investimentos e que "se tome en serio" un plan de transición que "atenda as protestas da central sindical", xa que "é a única forma de consolidar os postos de traballo e evitar que esta transición enerxética sexa unha demolición dos postos de traballo na Galiza, nun sector tan importante, na pouca industria que hai, que pode afectar máis de 1.000 empregos". "Ou se toman medidas urxentes para enfrontar esta transición ou este sector está abocado ao fechamento", aseverou.

Recalcan desde a CIG que o sector de carburantes ten un peso suficientemente importante "como para quedar fóra do cambio enerxético verde pola inexistencia de políticas, tanto por parte do Goberno español como da Xunta". O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, apuntou que "a fabricación de combustíbeis ten que ser superada", pero non a conta de "cadrarlle as contas ás empresas mentres se destrúen miles de empregos e fican comarcas enteiras na desertización industrial".

A CIG defende que non se conceda ningún tipo de fondos públicos nin se outorgue autorización, concesión ou adxudicación de megawatts (MW) a aquelas empresas "que non garantan a continuidade do emprego e non fagan os investimentos precisos nas plantas".

En canto ás competencias galegas, sinalan que o plan de transición ten que ter prazos delimitados para a súa aprobación e piden que, paralelamente, se constitúa unha mesa de traballo na que abordar as mudanzas a realizar no sector, "de forma que se evite o ocorrido nas Pontes ou Meirama, onde se impulsan cambios de modelo enerxético sen formular alternativas".

Comentarios