García foi un dos pións máis activos da direita española no combate a Felipe González durante finais dos 80 e principios de 90, a achanzar o camiño ao PP para conquistar o poder político en 1996. A súa cercanía co principal partido da direita chega xusto até os nosos días. Agora baixa do tren. Apunta a corrupción como causa. "Rajoy decepcionoume abondo. É boa xente, mais xa non poño a man no lume por ninguén", afirma. García non é un xornalista máis. Para as xeracións máis veteranas (el naceu en 1943), é todo un referente, con especial penetración nas clases populares, o groso da súa clientela radiofónica. É xusto neses caladoiros -persoas de máis de 50 anos- onde o PP mantén aínda certa vantaxe a respeito da emerxencia de Ciudadanos. Perder o aval de García -"votar o PP é perder o voto", dixo- é sen dúbida un duro golpe para Génova.
A outra vertente política de García é o seu forofismo monárquico, á altura dun cortesán. Mais mesmo aí deixou ver o seu distanciamento cos borbóns, nomeadamente con Juan Carlos I. "Sentín adoración por Juan Carlos, confésoo agora, equivocada. Fiquei triste ao coñecer esa noticia [a participación do monarca nunha cazaría de leóns en Botsuana], igual que ao coñecer a presenza tan próxima de Corinna ou de algunhas amizades masculinas", dixo.
Tamén tivo palabras para retratar as dúas formacións da nova política, Cs e Podemos. Mostrou simpatía pola marca liderada por Rivera, embora tampouco exteriorizou excesivo entusiasmo. O seu medre, argumentou, viría dado máis polos erros do PP do que polos acertos de Podemos. E sobre o partido morado deixou esta pérola: "Na historia deste país só hai un partido tan torpe como o PP, e é Podemos. A min encantábame Pablo Iglesias, alguén coas ideas claras, que prometía acabar coa pollada do binomio PP-PSOE. Mais despois ves que unha cousa é a teoría e que outra cousa é a práctica, foi unha desilusión".
Évole e García debruzáronse tamén sobre o taboleiro mediático no Estado. E entón apareceu o García puro e duro. Tanto que até atacou a propia canle en que se estaba a emitir a entrevista. "A Sexta non é plural. Eu gostaría de menos show e de máis pluralidade", dixo. E completou así a súa radiografía do panorama dos mass media en España: "O problema parte de que agora só dúas empresas -Mediaset [dona de Tele5 e Cuatro] e Atresmedia [propietaria de Antena 3 e La Sexta]- están forradas e é pola equivocación de Zapatero de retirar a publicidade de TVE. Podes crer que agora o aliado do Goberno do PP poida ser Prisa?"
Sintomático de como está o patio mediático é como a entrevista foi recollida nalgunhas cabeceiras. As máis próximas a Rajoy ou ao PP ou non se fan eco da entrevista ou -como no caso de La Voz de Galicia- extractan só as críticas a monarquía, mais non ao partido da gaivota.