Isabel Calvete, presidenta de Anpas Galegas: "A Xunta escatima recursos do alumnado vulnerábel, é ruín"
—Cales son os grandes retos que ve Anpas Galegas para o inicio deste curso?
O principal reto sería unha inclusión real de todo o alumnado. A inclusión real sería posíbel se cambiase a política de recortes que está seguindo durante os últimos anos a Consellaría de Educación. Eses recortes afectan especialmente o alumnado máis vulnerábel coa falta de especialista en Pedagoxía Terapéutica [PL] e especialista en Audición e Linguaxe [AL]. Ademais, estes especialistas ás veces son compartidos entre centros. A inicios de curso 2025-2026 aínda hai Anpas que non saben se van ter especialistas.
—Como actúa a Xunta en relación aos recortes mencionados?
Vemos como non se están repartindo os especialistas necesarios, negocian se envían ou quitan un PT ou un AL e se queremos un especialista en inglés ten que ser compartido. A min paréceme ruín escatimar recursos, non se pode facer iso cos nenos e nenas máis vulnerábeis. O acordo de mellora educativa de 2024 baixaba as ratios e a nós parecíanos ben, mais isto trouxo a diminución das horas lectivas, algo negativo para o alumnado necesitado dalgún tipo de apoio e a Xunta non cubriu esas carencias.
—Esa é a actitude xeral desde a Consellaría de Educación?
Durante os últimos tempos hai máis intercambio coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Comunícannos novidades como foi a cuestión do modelo híbrido e unha lei de educación dixital, e nós acudimos ás reunións. Mais chama a atención que cando enviamos unha pregunta ou un escrito, non responden. Falta moito diálogo, mais pensamos que podemos chegar a entendernos.
—Sobre a manifestación da CIG-Ensino convocada para este 13 de setembro, que vos teñen trasladado sobre as súas reivindicacións?
Logo do cambio de secretaria nacional na CIG-Ensino, con Laura Arroxo, a nosa idea é continuar a comunicación fluída cando vemos que coincidimos en determinados temas. Sobre todo, en que o profesorado está desbordado pola falta de especialistas de apoio. Co acordo de 2024 diminuíron as horas lectivas, moitas servían para facer reforzo e agora non hai especialistas e estes pasan a dar titorías. Por outra parte, a función administrativa dos centros hai que facela mais están tirando das horas que lles corresponden a nenos e nenas.
—Desde Anpas Galegas apostan por un ensino público gratuíto que inclúa os libros de texto.
A gratuidade dos libros é un dereito. Cando foi a xuntanza sobre o modelo híbrido, unha das cousas que se presentou desde Anpas foi a gratuidade dos libros e desde a Consellaría deixaron claro que non chegaríamos a acordo. A formación debe ser gratuíta porque é a única maneira de garantir a igualdade entre todo o alumnado. Hai moitos intereses detrás dos libros de texto, mais é unha cuestión de dereitos. Educación gratuíta e igualitaria, ese é o piar da educación pública.
—Como ven en Anpas Galegas o sistema E-Dixgal de libro electrónico da Xunta da Galiza.
Levamos moito tempo reclamando unha revisión do sistema E-Dixgal porque o investimento público da Xunta da Galiza nese caso foi excepcional. Queremos que sexa útil, mais investir nun prograrma e non mirar para el despois de dez anos non ten sentido. Agora falan do modelo híbrido e deberan facer un seguimento, pois ten que funcionar. As competencias dixitais necesitan a formación de todo o ámbito escolar.
Diminución das racións en comedores escolares
Anpas Galegas tamén ten posto os seus ollos sobre os comedores escolares en centros públicos. "É un mapa complicado" di Isabel Calvete, pois existen os de xestión directa desde a Xunta e outros que xestionan a ANPA do centro ou algún Concello. O comedor é un espazo educativo por iso necesita persoal especializado para que nenos e nenas aprendan a comer ben e convivir, porén, a maioría destas persoas son pais e nais ou voluntariado. Anpas Galegas sinala tamén que a cantidade nas racións en comedores de xestión directa diminuíu. A Xunta da Galiza non aumentou o orzamento para menús escolares e o prezo dos alimentos sobe. Curiosamente, os menús en centros de xestión indirecta si incrementaron o diñeiro para comedor escolar.