Efectivos policiais da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco, polas súas siglas en castelán) interceptaron nas últimas horas un buque pesqueiro cargado con varias toneladas de cocaína. Foi abordado fronte ás Rías Baixas e trasladado ao porto de Vigo, onde actuaron as autoridades.
Fontes coñecedoras do operativo, que dirixe a Audiencia Nacional, sinalaron que, polo de agora, xa se produciron catro detencións a bordo do pesqueiro, malia que a investigación segue aberta e non se poden descartar máis arrestos en terra. Estímase que, a bordo do barco, podería haber máis de 2.000 quilos de cocaína.
Esta actuación está impulsada pola Fiscalía Especial Antidroga, desde o xulgado de garda da Audiencia Nacional. Até o momento actual non transcenderon máis detalles do operativo. Descoñécese como se realizou a abordaxe e en que punto da ría.