*Información actualizada ás 17.40 horas
A circulación ferroviaria quedou interrompida na estación de Vigo-Urzaiz esta mañá após detectarse fume que, segundo se puido coñecer proviña dun fogo nunha arqueta nas aforas da estación.
Segundo puido coñecer Nós Diario, o incendio é alleo á circulación ferroviaria mais provocou grandes acumulacións de cerca de 200 persoas no interior de Vigo-Urzaiz.
O incendio tamén afectou un cable subterráneo e deixou sen subministración eléctrica o centro comercial Vialia de Vigo, e varias rúas, segundo confirmaron fontes de Naturgy e dos bombeiros de Vigo.
O fume que saía da arqueta fixo saltar as alarmas e até o lugar desprazáronse efectivos do servizo de extinción, así como persoal de Naturgy, que están a traballar para "illar" a avaría.
Fontes da empresa informaron de que a avaría mantén sen subministración ao complexo intermodal e comercial, e tamén están afectadas "rúas contiguas". "Os técnicos traballan para restabelecer o servizo canto antes", engadiron.
O incidente ocasionou algúns problemas de tráfico pero non se rexistraron danos persoais.
Contra as 16.21 horas, Adif informou de que quedaba restabelecida a circulación entre Vigo e Redondela.