O himno e a bandeira da Galiza, "símbolo do que somos"

Manuel Ferreiro e Xoán Costa presentaron esta sexta feira en Ferrol 'Os símbolos nacionais da Galiza'. (Foto: Nós Diario)
Coincidindo coa conmemoración dos 104 anos da I Asemblea Nacionalista Galega, Vía Galega convida toda a cidadanía a exhibir e popularizar a simboloxía nacional. Entre o 14 e o 19 deste mes chama a engalanar as fiestras coa bandeira da Galiza e a recuperar o himno orixinal concibido por Eduardo Pondal.

"Galiza, como pobo, represéntase e identifícase cos seus símbolos", sostén Vía Galega, a plataforma social en defensa dos dereitos nacionais da Galiza. Desde esta convicción, a entidade emprendeu no mes de setembro unha campaña co propósito de divulgar e propagar "os nosos símbolos nacionais": a bandeira e o himno, "que son, ademais, os que mostran a vontade política de sermos libres como país, de acadar unha Galiza soberana", conclúe Anxo Louzao.

En conversa con Nós Diario, o voceiro de Vía Galega asegura que na cerna desta campaña, tamén se atopa "o déficit de visibilización e valorización dos símbolos nacionais, resultado do desleixo do Partido Popular á fronte da Xunta", que lonxe de velar pola propia identidade nacional promove un crecemento "abrasivo da simboloxía allea ao noso país".

Neste sentido, Vía Galega deseñou unha campaña que pretende colectiva e expansiva, co fin de popularizar tanto a bandeira como o himno galegos.

Restauración e exhibición

O himno, restaurado, segundo foi concibido por Pondal. Malia as varias iniciativas promovidas no Parlamento e as investigacións "irrefutábeis" do profesor Manuel Ferreiro, "o himno galego segue a estar deturpado", advirte Anxo Louzao

Vía Galega recuperou o texto orixinal e traballa por restituílo na Lei de símbolos e achegalo á cidadanía, cantado na súa totalidade polo grupo vocal Solo Voces xunto á Lucus Ensemble. Editou un millar de exemplares USB coa gravación, que pon a disposición de quen se queira facer cunha copia. "Queremos que se coñeza o himno, que todos os colectivos teñan acceso a el e o usen, ao igual que a Administración".

Izaremos as bandeiras co obxectivo de que a súa exhibición nun lugar visíbel perdure no tempo en representación do que somos, galegos e galegas

A entidade imprimiu, ademais, unhas 5.000 bandeiras, de tea e autocolantes, a repartir de balde, tamén, entre as persoas interesadas en engalanar as súas fiestras e varandas con unha desde o 14 ao 19 de novembro. "Nunha nación sen estado como a galega os símbolos son moito máis necesarios, de aí que procuremos unha maior identificación con eles para avanzar en autoestima e conciencia nacional". 

Izado simultáneo 

A partir da semana que vén Vía Galega intensificará a súa axenda de actividades, que culminará o sábado 19 cun izado simultáneo -11.30 horas- da bandeira galega en ducias de localidades, "co obxectivo de que a súa exhibición nun lugar visíbel perdure no tempo en representación do que somos, galegos e galegas". 

Ese chamamento conta xa coa adhesión de máis dun cento de concellos. "E seguimos a sumar localidades nas que acompañarán o izado da bandeira con lecturas de poesía, música tradicional e intervencións", que terán continuidade a seguir.

Antes desa data sinalada, a terza 15 e a sexta 18, Xoán Costa e Manuel Ferreiro, autores da obra Os símbolos nacionais da Galiza, con 12.000 exemplares editados, compartirán palestra en Compostela e na Coruña, respectivamente, para explicar a orixe, significado e historia da bandeira e do himno galegos.