Vía Galega presenta unha campaña para pór en valor os símbolos nacionais

A plataforma desenvolverá diferentes accións en novembro coincidindo co 124 aniversario da Asemblea Nacionalista Galega.
Presentación da campaña de Vía Galega, esta cuarta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Presentación da campaña de Vía Galega, esta cuarta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Vía Galega presentou esta cuarta feira en Compostela a campaña que desenvolverá, ao longo de todo o país e en próximas datas, para "divulgar e popularizar" os símbolos nacionais da Galiza, nomeadamente o himno e a bandeira, co obxectivo de dar a coñecer a súa historia e significado.

A plataforma organizará o 19 de novembro, ás 11.30 horas, unha acción de izado simultáneo da bandeira en diferentes puntos do país. E tamén están previstas distintas palestras e coloquios por toda a Galiza, actos para os que se tiraron 3.000 cartaces, imprimíronse 200 bandeiras e 2.000 autocolantes co símbolo 'GZ' para coches.

Aliás, co gallo desta campaña vén de editar 12.000 exemplares dun opúsculo sobre a orixe, historia e significado da bandeira e do himno coa letra orixinal. Para isto contou co estudo do himno de Manuel Ferreiro, e para o da bandeira, con Xoán Costa.

Están previstas outras actividades entre os días 14 e 19 de novembro, coincidindo co 124 aniversario da Asemblea Nacionalista Galega, realizará diferentes actos de "afirmación patriótica" arredor da bandeira.

O portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, denunciou o "proceso de colonización que sofre o país e que reprime, borra ou silencia toda manifestación na que subxaza autoafirmación e identificación colectiva e vontade de liberarse da opresión para sermos nos mesmos".

Lei de símbolos

Da mesma forma, instou a reformar a Lei de símbolos da Galiza para evitar que o himno "siga a interpretarse de maneira incompleta e non acorde á letra orixinal de Eduardo Pondal".

Así, cuestionou o "desleixo e desprezo" da Xunta da Galiza para con "todo o que nos recoñece e nos fai galegos e galegas, fai que teñamos que ser outros os que suplamos a súa misión e obriga de procurar a máxima propagación e coñecemento dos nosos símbolos nacionais".

Comentarios