"Temos que xerar a información desde o país e contarmos a historia nós mesmos"

Manuel Ferreiro é accionista de Sermos Galiza e asinante do semanario. Catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, nesta entrevista fálanos da súa paixón polo seu "eido nativo”, a Terra Chá. E tamén sobre o que pensa de Sermos Galiza.

manuelferreiro
photo_camera Manuel Ferreiro

Manuel Ferreiro é un recoñecido investigador da Lingüística Histórica e Historia da Lingua Galega, nas súas liñas de investigación tamén se inclúe a Ecdótica e a Crítica Textual de textos antigos galegos (medievais, medios e decimonónicos). É chairego de nación.

Fonte Filloa, A Gandariña, A Lagoa, O Mato, O Monte, A Rocha, Salgueiras son nomes de lugar da parroquia de Saavedra, en Begonte. Bastarían estes nomes para dar unha imaxe paisaxística da Terra Chá?

... e Abeledo, Alto de Bara, Eiriz, Fontevelle, Forcadelo, Tuín, Vila Grande etc., todos en Saavedra, o meu “eido nativo”, como diría Pondal. Efectivamente, uns poucos microtopónimos (os nomes das casas familiares, fragas, fontes, leiras, prados...) poden deseñar xeográfica e mentalmente un territorio como a Terra Chá, talvez a rexión máis e mellor definida topográfica e culturalmente na Galiza.

Son ben coñecidos os versos de Manuel María: ¡A Terra Chá somentes é / un pobo aquí,outro acolá, / mil arbres, monte raso, / un ceo chumbo e tráxico / no que andan as aves a voar. / O resto é soedá”. Anos máis tarde, no discurso de ingreso á Academia, dixo: “A nosa paisaxe nativa acompañounos e acompáñanos sempre. Todos os días da nosa vida, sen faltar un, lembrámola de xeito apaixonado. Entendemos que un ser humano é, en esencia, un anaco de paisaxe posto en pé e camiñando. Consideramos a Terra Chá o eido máis fermoso deste mundo”. Ten vostede esta mesma impresión da paisaxe da Terra Chá?

Son absolutamente manuel-mariano na definición da Terra Chá neses seus versos, que moitos chairegos sabemos de memoria. Supoño que cada un de nós leva moi dentro as imaxes iniciais, as paisaxes vividas nos primeiros anos da vida: “eu non nacín en vila nin cidade”, como diría Pondal, nacín en Saavedra, da Terra Chá, e de aí me reclamo.

Carvalho Calero dicía que Bergantiños entrou na Historia grazas a Pondal. Grazas a que, ou a quen, entrou na Historia a Terra Chá?

Sen dúbida, mercé a Manuel María, o último e o máis importante dunha ampla nómina de poetas ligados a este territorio: na súa obra aparece e reaparece como marco, mais tamén como leit-motiv, de modo que Manuel María e Terra Chá, igual que Pondal e Bergantiños, xa constitúen de facto, para os chairegos e bergantiñáns –para os galegos todos–, unha unidade.

Coa perspectiva que dan dous anos de vida, como valora o proxecto Sermos Galiza?

Como necesario, mesmo imprescindíbel, porque precisamos medios de comunicación propios: a nosa realidade non pode ser explicada (só) polos alleos. Temos que xerar a nosa información, elaborala desde o país, contarmos a historia nós mesmos, e para iso fan falta publicacións mensais, quincenais, semanais e, tamén, diarios. Falta moito aínda, por iso Sermos Galiza é tan necesario.

Ao Sermos Galiza coido que lle falta algo de “deseño” que alivie a carga impresa e unha nómina máis variada de colaboradores

Sermos Galiza é, infelizmente, o único semanario en lingua galega, como ve a realidade da lingua na imprensa deste país?

Do punto de vista lingüístico, son ben poucos os medios de comunicación escritos que se poden considerar galegos de verdade. A inmensa maioría, a comezar polos grandes xornais, xoga a prol do español, con nefastas consecuencias para a normalización da nosa lingua. O que non sei é como facer para que eses medios teñan, como mínimo, unha versión en galego, tal como acontece, por exemplo, en Catalunya.

Hai quen prognostica a desaparición dos textos xornalísticos impresos. Vostede que razóns daría para a permanencia da imprensa escrita en galego?

Talvez desapareza no futuro, quen sabe! Mais, por agora, son necesarios. Somos –aínda– fillos da letra escrita en papel, e sen ela non estariamos nin cómodos nin completos. Recoñezo que eu non me dou afeito a ler os xornais electrónicos, aínda non é o mesmo: acompañar a lectura co café, pousar o xornal, pasar as páxinas ou voltar atrás, discutir sobre o texto… non é o mesmo.

Gustaríame ver este titular na capa: "Sermos Galiza estréase hoxe como xornal diario"

Chegados aos dous anos e pasado o número 100, que bota en falta en Sermos Galiza?

Por dicir algo, aínda que é semanario, non sobraría unha miga máis de axilidade nos artigos de fondo; por outra banda, coido que lle falta algo de “deseño” que alivie a carga impresa, unha nómina máis variada de colaboradores (polo que implicaría de maior abano social, cultural e político), e, en fin, unha imaxe visual máis efectiva.

Para finalizar, que titular, ou que nova, gustaría de ver na capa de Sermos Galiza?

Vou poñer dous de diferente teor. O primeiro: “Sermos Galiza estréase hoxe como xornal diario”; un segundo titular de máis alcance (aínda): “O nacionalismo consegue a hexemonía política e volve ao goberno da Galiza”.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios